Escoitar

A carreira Érguete e Corre celebra os 40 anos da asociación de loita contra a droga

O alcalde participou este mércores na presentación da carreira, que se celebra este domingo 30 de novembro, con saída desde Vialia e que forma parte do circuíto municipal Run Run Vigo.

mércores, 26 nov 2025

O alcalde augurou que será “unha gran carreira” e animou á cidadanía viguesa a participar na xornada optando por algunha das modalidades que ofrece. Amais puxo en valor o traballo de Érguete na loita contra a drogadicción ao longo dos últimos corenta anos.

A Asociación Érguete celebra este domingo na praza pública de Vialia a novena edición da súa carreira Érguete e Corre, un evento que este ano coincide co 40 aniversario do inicio da loita das súas nais fundadoras, aquelas mulleres que se ergueron contra os narcotraficantes para protexer aos seus fillos e fillas.

Trátase dunha carreira solidaria e os cartos recadados coas inscricións – o prazo remata este mércores ás 00:00 horas- serán destinados a un innovador programa de intervención que está a desenvolver a Asociación Érguete con La Canalla para traballar coas persoas usuarias a través da suprareciclaxe, é dicir, transformar algo usado nun produto de maior valor. Tamén se destinará parte do recadado a fortalecer outros programas de intervención dunha asociación que atende 8.000 persoas cada ano.

Érguete e corre contará con catro probas: ás 10.00 horas comeza a carreira de nenos e nenas nados entre 2013 e 2022; ás 10.55 h sairán as persoas participantes da proba de bicis e ás 11.00 h comezará a carreira de 5 k e 10 k e a andaina. Amais durante a mañá haberá actividades na praza: obradoiros de teatro e educación sostible, sorpresas e sorteos.

A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, explicou que “queremos que sexa unha festa e lembrar a loita que aquelas nais de Érguete iniciaron nos 80 e que continúa hoxe”. Na presentación celebrada no Concello este mércores estiveron tamén o concelleiro de Deportes, Manel Fernández; Tete Varela de Fiatc e o director do Centro Comercial Vialia Vigo, Juan Louro.

Cartel da proba
Descargar todas as imaxes