Escoitar

O Concello activa este venres o Plan de Mobilidade previsto para os días de afluencia moi alta

Este venres, 28 de novembro, é o primeiro día catalogado de “afluencia moi alta” no Plan de Mobilidade do Nadal, polo que o Concello aplicará medidas específicas como o cambio de sentido da rúa Cervantes, co obxectivo de garantir a fluidez do tráfico e a seguridade peonil.

xoves, 27 nov 2025

O Concello de Vigo pon en marcha este venres, por primeira vez, as medidas especiais de mobilidade para días de afluencia moi alta. Aplicaranse ininterrompidamente desde as 10:00 horas deste 28 de novembro ata as 21:30 horas do luns 1 de decembro.

Como día de afluencia moi alta, quedan establecidas as seguintes disposicións:

- Cambio de sentido na rúa Cervantes, que pasa a ser descendente desde Urzáiz a Alfonso XIII. En consecuencia, os vehículos que accedan á cidade desde a AP9 por Alfonso XIII deberán continuar en dirección García Barbón.

- A entrada preferente á cidade desde a AP-9 será pola saída 4V, en dirección Isaac Peral, García Barbón e Túnel de Beiramar e 2V (Bos aires). A información aparecerá nos paneis da autovía e da autoestrada, en coordinación co Centro de Control do Noroeste e coa DXT.

- O tráfico rodado procedente da A55 deberá entrar pola Avenida de Madrid ou pola VG-20. Información que tamén aparecerá nos paneis.

O Plan de Tráfico do Nadal introduce cambios para garantir a seguridade e o acceso das persoas residentes ás súas vivendas, o acceso dos vehículos de emerxencias e para favorecer a circulación e a convivencia do tráfico rodado e dos peóns. Así, establece tres categorías de días con medidas especiais de distinta intensidade e alcance:

- Días de Afluencia Moi Alta (9 días): 28, 29, 30 de novembro; 01, 05, 06, 07, 08, 26 de decembro.

- Días de Afluencia Alta (11 días): 16, 21, 22 de novembro; 12, 13, 19, 20, 27 de decembro; 02, 03, 04 de xaneiro.

- Días de Afluencia Moderada (35 días): 15, 17, 18, 19, 23, 24, 25 de novembro; 02, 03, 04, 09, 10, 11, 14, 15, 16, 17, 18, 21, 22, 23, 24, 25, 28, 29, 30, 31 de decembro; 01, 05, 06, 07, 08, 09, 10, 11 de xaneiro.

Transporte discrecional

O Plan de Tráfico do Nadal establece medidas ante o previsible aumento da presenza de autobuses de transporte discrecional de pasaxeiros que trasladan ao centro da cidade a visitantes do Nadal.

Así, os autobuses teñen un espazo reservado na rúa Areal, lado mar, entre a glorieta da paelleira e a rúa Canceleiro como zona de parada para deixar ou recoller pasaxeiros un máximo de 15 minutos. O punto de espera para os autocares sitúase nos aparcamentos da praia de Samil.

O transporte discrecional de viaxeiros deberá acceder a Vigo obrigatoriamente pola AP9, aínda que proceda da autovía A55. Debe evitar o tránsito e o estacionamento de autobuses na Avenida de Beiramar e a rúa Jacinto Benavente. Haberá controis policiais, entre outros, na zona de Bouzas que dá acceso á cidade desde la VG-20 ata a Travesía de Bouzas Portuario.

Esta información xa foi traslada aos principais operadores turísticos da cidade, ás empresas de transporte con sede en Portugal e figurará en anuncios nos paneis de mensaxería variable das principais vías de acceso á cidade. A Policía Local dispón tamén de códigos QR para amosar aos condutores dos autobuses con información do itinerario e xeolocalización necesarios para dirixirse ás zonas indicadas.

Ligazón ao Plan de Mobilidade do Nadal 2025: https://axenda-files.vigo.org/media/2225/146660-210_RESOLUCION_CONCELLERIA_plan_trafico__es.pdf

 

 

 

Descargar todas as imaxes