Escoitar

A cidade celebra o Día das Persoas con Discapacidade “Baixo o mesmo paraugas”

O vindeiro mércores, día 3 de decembro, na Praza da Estrela 17 entidades sociais de Vigo e da súa área metropolitana celebran unha xornada para visibilizar e defender os dereitos das persoas con discapacidade.

xoves, 27 nov 2025

A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, participou na presentación dos actos que se desenvolverán o vindeiro mércores co lema “Baixo o mesmo paraugas” e apostou pola necesidade de cambiar o paradigma na abordaxe das garantías dos dereitos das persoas con discapacidade.

Yolanda Aguiar amosou a súa estupefacción pola “regresión do exercicio de dereitos das persoas con discapacidade e a súa minusvaloración. Desde as políticas públicas temos que poñer pé en porta porque non son cidadáns de segunda e desde o Concello traballamos polo seu empoderamento. A sociedade ten que ser inclusiva, accesible, temos que ser capaces de remover os obstáculos sistémicos que aínda existen. Dereito de acceso á vivenda, ao mercado laboral e á plena inclusión social”.

Na presentación da xornada, na que estivo presente unha representación das entidades sociais viguesas, falou Mamen Araújo, de Alento, quen destacou a importancia do traballo conxunto ao longo dos últimos 10 anos neste movemento en favor da unidade, visibilidade e defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.

“Baixo o Mesmo Paraugas” celébrase o vindeiro mércores 3 de decembro ás 11 horas coa participación de ACEESCA, AFAGA, ALENTO, APAMP, ASORVIGO, ASPANAEX, DISCAMINO, DOA, EVD GALICIA, FUNDACIÓN ALDABA, FUNDACIÓN MENELA, HC SAN RAFAEL, SAN XEROME EMILIANI e XARUMA.

 

 

 

Cartel da xornada
Descargar todas as imaxes