Escoitar

O Concello avanza na preparación do Nadal

Abel Caballero explicou que a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá 3 expedientes relacionados coa celebración do Nadal na cidade: as visitas de Papá Noel e do Carteiro Real, a prestación da asistencia sanitaria e a revisión dos espectáculos públicos e actividades recreativas.

venres, 19 set 2025

O rexedor informou esta mañá da aprobación do expediente de contratación do servizo de Papá Noel e do Carteiro Real durante as campañas de Nadal 2025-2026 e 2026-2027, cun importe total: 99.750,22 euros. Este lote contempla as visitas de Papá Noel e o Carteiro Real a zonas comerciais da cidade mediante un vehículo decorado con ambientación de Nadal e a atención ao público infantil na casa instalada na rúa Policarpo Sanz ou proximidades.

Papá Noel e o Carteiro Real atenderán aos nenos e nenas, repartindo unhas 35.000 moedas de chocolate e acompañados por dous elfos e dous paxes, respectivamente. Como indicou Caballero, “este ano introducimos unha novidade no sistema de funcionamento, realizarase mediante tickets para evitar colas”. A repartición dos tickets iniciarase ao comezo da apertura da caseta, de forma numerada ata o total de visitas abarcables en cada xornada, instalando no exterior unha pantalla que irá marcando o número para proceder á visita. Con este sistema pódese estimar o tempo de cada quenda, sen necesidade de permanecer realizando cola.

O segundo dos expedientes aprobados é a contratación do servizo sanitario de ambulancias asistenciais para esta edición do Nadal por un importe de 80.315,16 €. As ambulancias contarán con todos os medios necesarios para atender os incidentes sanitarios, mellorando a provisión diaria e con especial atención os días dos actos de acendido e apagado, así como os días catalogados de máxima afluencia. As localizacións estarán recollidas nos Plans de Autoprotección.

Por último, aprobouse a contratación do servizo de asistencia técnica para a revisión xeral de espectáculos públicos, actividades recreativas e revisión específica de instalacións desmontables e atraccións na vía pública durante as campañas do Nadal 2025-2026 e 2026-2027. O importe é de 75.706,83€. O Concello de Vigo desenvolve diversas actividades durante a campaña de Nadal, polo que este servizo complementa os labores de revisión e comprobación, por técnicos competentes na materia, para que sexan postas en servizo en condicións de seguridade adecuadas.

Descargar todas as imaxes