Escoitar

A Corporación pide á Xunta que invista 36 millóns en colexios de Vigo

A moción do Grupo Socialista explica que “se precisan investimentos inmediatos para a mellora, adaptación e modernización”. O Pleno tamén rexeitou os recortes docentes en Vigo e instou á Xunta a dotar de profesorado a todos os centros educativos da cidade que o precisen. Ambos os textos saíron adiante cos votos do Grupo Socialista e o Grupo do BNG. O Grupo Popular votou en contra.

luns, 28 xul 2025

A concelleira Elena Espinosa defendeu investir nos centros educativos de Vigo 36 millóns de euros. O Grupo Municipal Socialista insta á Xunta a acometer reformas para a rehabilitación e modernización dos colexios públicos vigueses. Así, Espinosa numerou distintas accións como o cambio urxente de cubertas en Coutada Beade e Illas Cíes, cambio paulatino de todas as cubertas de fibrocemento en todos os colexios, cambio de xanelas, construción de patios cubertos no Josefa Alonso, Fonte Escura, Valle Inclán, Otero Pedraio, Saladino Cortizo, Mestre Goldar, Escultor Acuña, Seis do Nadal, Santa Tegra, Paraixal, Carrasqueira, San Salvador e Doutor Fleming. Tamén o arranxo estrutural do Otero Pedrayo, o muro e patio posterior do Mosteiro – Bembrive, arranxo das pistas e gradas do Pintor Laxeiro, construcións de novos pavillóns deportivos nos centros escolares e abertos ao barrio.

A edil tamén considera que urxen cambios en xeral en todos os centros educativos para cambios de falsos teitos orixinais, cambios de sistemas de calefacción obsoletos, renovación de canalización de auga e saneamento, mellora da accesibilidade e seguridade, renovación das instalacións eléctricas e novos aseos.

Máis persoal e contra os recortes

Tamén unha moción socialista que saíu adiante esixe ao goberno autonómico rematar cos recortes docentes en todos os niveis educativos e solicitar á Xunta dotación do profesorado necesario no IES Valadares e en todos aqueles centros educativos vigueses que así o precisen.

Espinosa lamentou que teña que dimitir todo o equipo directivo do IES Valadares pola falla de recursos humanos no seu centro e lembrou que así o marca a lei e insta á Xunta a cumprila para dar un servizo educativo público de calidade e que respecte a diversidade do alumnado.

Descargar todas as imaxes