Escoitar

Vigo insta á Xunta de Galicia a garantir a Atención Primaria en 48 horas

Elena Espinosa destacou que “actualmente estamos ante unha crise sen precedentes na Atención Primaria”, polo que “é necesaria a reforma do modelo, pero o actual goberno autonómico ten nula intención, levando á perda de capacidade aos centros de saúde”.

luns, 28 xul 2025

O Pleno ordinario do mes de xullo debateu a situación da Atención Primaria na cidade, a través dunha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista na que instaba a diferentes medidas relacionadas con este servizo. Aprobouse con 18 votos favorables de PSdeG e BNG e os 5 contrarios do Partido Popular.

A tenente de alcalde, Elena Espinosa, destacou que “actualmente estamos ante unha crise sen precedentes na Atención Primaria”, polo que “é necesaria a reforma do modelo, pero o actual goberno autonómico ten nula intención, levando á perda de capacidade dos centros de saúde”. A moción sinala que a situación en Galicia está a mostrarse como unha fonte de preocupación da cidadanía ao comprobar como un elemento fundamental do noso sistema de benestar, como é o sistema sanitario público, está a evidenciar debilidades provocadas por unha xestión errática e de desatención da Xunta de Galicia.

Reformulación do Novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia

Tamén se aprobou, cos mesmos votos, a necesidade de reformular o novo centro integral de saúde Olimpia Valencia. A moción proposta polo Bloque Nacionalista Galego insta a rexeitar o Plan Funcional do Sergas e esixe á Xunta de Galicia a súa inmediata rectificación, atendendo as demandas do persoal sanitario, para garantir o mantemento da actividade do Centro de Saúde Nicolás Peña; a continuidade da atención pediátrica nos centros de saúde de Coia e Pintor Colmeiro e o aumento da dotación de persoal ata alcanzar o 100% da súa capacidade.

Xestión do litoral

O Partido Socialista de Galicia presentou unha moción no derradeiro Pleno municipal, na que insta á Xunta de Galicia a consultar de forma directa e individualizada co Concello de Vigo, antes de aplicar calquera medida relacionada coa ordenación do litoral da nosa cidade. O pasado 1 de xullo de 2025, a Xunta de Galicia asumiu as competencias plenas en materia de ordenación e xestión do litoral. Este traspaso, de gran relevancia institucional, debe ir acompañado dun modelo de gobernanza que recoñeza a diversidade territorial e a experiencia acumulada polos concellos galegos.

A imposición de criterios uniformes por parte da Xunta, sen diálogo previo cos concellos, pode comprometer a coherencia dos plans locais, especialmente nunha cidade como Vigo, cun litoral intensamente urbanizado e con múltiples usos consolidados. Por outra banda, a Xunta dispón de partidas orzamentarias para a xestión do litoral, pero non se especifica un criterio claro de distribución territorial. Vigo, como cidade con máis de 290.000 habitantes e unha intensa actividade costeira, debe recibir recursos proporcionais á súa poboación e ao uso do seu litoral, para garantir unha xestión eficaz e equitativa. A moción foi aprobada cos 15 votos favorables do grupo socialista e o voto negativo dos oito concelleiros de PP e BNG.

Descargar todas as imaxes