O goberno local aproba a xestión do transporte urbano cun contrato de servicios con prestacións directas á cidadanía
O Pleno da Corporación Municipal aprobou hoxe, cos votos a favor do grupo municipal socialista, a abstención dos edís do PP e a negativa dos concelleiros do BNG, o novo modelo de xestión do servizo público de transporte urbano colectivo de Vigo, que supón implantar un contrato de servizos para facilitar prestacións directas á cidadanía e que permitirá unha maior flexibilidade na xestión e a intervención da administración.

O novo modelo de xestión do transporte urbano de Vigo supoñerá a implantación dun sistema que facilitará ao goberno municipal realizar os cambios que considere necesarios para a prestación do servizo en función das necesidades da cidadanía. Así o avanzou no Pleno municipal ordinario deste luns o segundo tenente de Alcaldía, Javier Pardo, ao recalcar que co modelo de contrato aprobado hoxe o Goberno contará con “máis capacidade na toma de decisións, na electrificación da frota ou na mellora das rutas a demanda da cidadanía, entre outras”.
O segundo tenente de alcalde recalcou que se trata dun “contrato vivo”, adaptable ás demandas e necesidades da cidadanía de Vigo. “Teranse en conta todas as consideracións e propostas que se presenten en función das mobilidades reais dos viaxeiros”, afirmou. Javier Pardo incidiu en que o modelo de xestión “responde, como non podía ser doutro xeito, á xestión pública, mantendo en todo momento a titularidade do servizo e tomando, desde o goberno municipal, todas as decisións que poidan afectar á cidadanía, desde o establecemento dos prezos, das liñas e das paradas, entre outras”.
O concelleiro apuntou que unha parte do contrato está baseado na posibilidade de modificar todas as rutas, lembrando que o Concello destina 16 millóns cada ano para subvencionar o transporte urbano e que 45.000 pensionistas se desprazan gratis realizando máis de 19 millóns de viaxes”.
Aumento do uso
Javier Pardo detallou que entre os anos 2020 e 2024 o número de viaxes realizadas no transporte público urbano ascendeu a 72,8 millóns de euros, fronte aos 99,7 millóns do período de 2015 a 2019, polo que un dos obxectivos é recuperar os maiores niveis de uso.
O edil recalcou que a transformación que se rexistra en Vigo inclúe a nova mobilidade urbana coa implantación do Vigo Vertical, así como da tarxeta PassVigo, a optimización de paradas de autobuses, a mellora da información en paradas, a renovación da frota con vehículos menos contaminantes, ademais dos plans de humanización das rúas e o PXOM. Tamén a convocatoria de axudas para a tansición ecolóxica do transporte urbano colectivo que “demandan un novo modelo de xestión do servizo do transporte público, que permita axustar a demanda real da cidadanía e realizar unha adecuación da rede de transporte urbano que propicie a recuperación de porcentaxes de uso previos ao Covid e , sobre todo, o incremento do uso de bus”.