O alcalde insta á Xunta e ao Ministerio de Sanidade a manter Vigo como sede dos exames MIR
O alcalde remitirá senllas cartas ao Ministerio de Sanidade e á Xunta para reclamar que a Universidade de Vigo se manteña como sede dos exames MIR e que anulen a decisión adoptada por ambas as administracións para eliminar as probas no campus de Lagoas Marcosende. Abel Caballero tamén sinalou á administración galega por continuar opoñéndose a crear a facultade de Medicina en Vigo.

O rexedor expresou este xoves a súa oposición ao acordo alcanzado entre o Ministerio de Sanidade e a Xunta de Galicia para eliminar a Vigo do mapa de universidades onde se realizan os exames para optar a unha praza de médico interno residente, MIR. Lembrou que desde 2021 a facultade de Ciencias Empresariais e Económicas do campus de Lagoas Marcosende acolle unhas probas nas que este ano participaron 549 graduados en Medicina dos 1.850 que se examinaron en Galicia.
Caballero cualificou de “disparate, véxase desde onde se vexa”, a decisión de eliminar a Vigo como sede dos exames MIR, e incidiu en que é a cidade máis importante do oeste peninsular.
Facultade de Medicina
O alcalde incidiu hoxe en que a Xunta terá “en fronte” ao goberno de Vigo se mantén a súa oposición para crear unha facultade de Medicina e a súa decisión de asignar á Universidade de Santiago de Compostela a centralidade das decisións sobre os docentes e o ensino en todos os hospitais galegos. “Non imos parar ata conseguir que Vigo teña facultade de Medicina”.
Caballero cualifica como “surrealista” o proxecto da Xunta de manter unha única facultade en Galicia ante a descualificación realizada por responsables da administración autonómica e insta a poñer fin a un modelo docente centenario nunha comunidade con 2,7 millóns de habitantes e dotar á Universidade de Vigo con Medicina. “É o único sitio de toda España” onde se rexistra esta situación, afirmou ao tachar de “intolerable e incomprensible” que a administración galega non se “decate do que está a pasar en Galicia”.