O alcalde advirte á Xunta que "Vigo vai dar a batalla" pola facultade de Medicina
O alcalde denunciou hoxe o convenio asinado “en segredo” entre a Xunta e a Universidade de Santiago, que garante a asignación en exclusiva da docencia práctica en todos os hospitais de Galicia, incluídos os de Vigo, á facultade de Medicina compostelá. “Isto significa que a Xunta di non á facultade de Medicina de Vigo" recalcou Abel Caballero ao advertir que “imos dar a batalla”.

O alcalde censurou o acordo entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela que asigna a docencia clínica en todos os recursos sanitarios de Vigo á facultade compostelá.
Abel Caballero incidiu en que Vigo é a maior cidade de España sen facultade de Medicina e en que os profesionais da sanidade tamén a demandan “porque hai moitos xa habilitados para ser profesores, que teñen a certificación da ANECA, e seguirán a súa carreira académica á vez que seguen o seu traballo hospitalario”.
“Imos dar a batalla defendendo a facultade de Medicina”, advertiu o rexedor.