Vigo implantará a taxa turística proposta polo sector hoteleiro
O alcalde mantivo unha xuntanza coa Asociación de Hostalería de Vigo na que aceptou iniciar os trámites para implantar a taxa turística na cidade. Caballero avanza que o proceso “iníciase xa” e que “será dialogado co sector turístico”. Considera que “é bo que desde o ámbito do turismo se contribúa coa cidade a través desta taxa”.

O Concello inicia os trámites para implantar unha taxa turística. Caballero acepta a proposta do sector hoteleiro de Vigo que “quere contribuír coa cidade a través desta taxa”.
Así, o primeiro paso para aprobar a nova ordenanza municipal será abrir un prazo para achegar suxestións. Caballero insistiu en que o proceso será dialogado co sector do turismo para establecer a contía da achega que farán as persoas que pernocten en establecementos de aloxamento e os viaxeiros dos cruceiros.
A normativa galega establece que o prezo oscilará entre 1 e 2,5 euros por un máximo de cinco noites e que poderán establecerse distintas categorías segundo o aloxamento de penocta. “Isto ímolo decidir co sector turístico”.
Caballero lembrou que “Vigo é unha cidade moi turística nestes momentos, das grandes de España” e avogou “por unha proposta de taxa razoable e aceptable”.

