O Pleno aproba a actualización do inventario municipal con bens valorados en máis de 720 millóns de euros
A Corporación Municipal de Vigo aprobou hoxe, cos votos a favor dos grupos do PSdeG-PSOE e do PP e a abstención dos edís do BNG, a actualización do inventario municipal con bens valorados en preto de 720 millóns de euros.
A concelleira de Patrimonio, Ana Mejías, explicou que o inventario municipal de bens e dereitos rexistrou 20.626 bens, cun valor aproximado de 720 millóns de euros. Durante o período de exposición ao público presentáronse 413 alegacións, fundamentalmente relacionadas cos viais, segundo avanzou a edil.
Ana Mejías destacou que o inventario municipal é un “documento vivo” que está suxeito a permanente actualización, “onde se reflicte o patrimonio da administración municipal”, e que é o resultado dun intenso traballo realizado polos técnicos municipais para rexistrar todos os bens.
Pago a provedores
O Concello de Vigo o pasado mes de xuño pagou aos seus provedores en 5 días, segundo informou este luns o concelleiro de Economía aos corporativos, superando os cocientes de cidades como Ourense, onde o prazo ascende a 86 días, ou de Pontevedra con 23 días. Así o destacou Jorge Aneiros, ao recalcar que este dato evidencia a “extraordinaria capacidade de xestión” do goberno municipal, que conleva favorecer ao tecido produtivo e ao emprego en Vigo.
O edil indicou que no primeiro semestre de 2025 o goberno local comprometeu o 50 por cento dos créditos do orzamento municipal e apuntou que no capítulo II, o de contratos, de 167 millóns están comprometidos 147; no IV, relativos a subvencións e axudas, están en marcha 17,8 millóns dos 40 previstos e que no VI, de investimentos, máis de 38 millóns dos 67 da partida inicial tamén están comprometidos.
Aneiros puxo en valor o apoio prestado nos seis primeiros meses de 2025 a máis de 5.700 persoas coas axudas de emerxencia, así como as axudas para o fomento de emprego, ademais dos investimentos en numerosos proxectos.