Vigo estrea novo Parque de Bombeiros
O martes 20 de maio comeza a actividade no novo emprazamento na rúa Esturáns, entre Coia e Beiramar. O parque terá 3 saídas simultáneas para coches de bombeiros e 1 de Protección Civil. O goberno local investiu 3 millóns de euros.

A cidade de Vigo conta cun novo Parque de Bombeiros e Protección Civil en servizo desde este martes 20 de maio. Caballero anunciou a posta en funcionamento do novo edificio no que o goberno local ten investido máis de 3 millóns de euros.
O parque situado entre Coia e Beiramar, na rúa Esturáns, leva o nome de Sergio Sanlés, bombeiro falecido en acto de servizo e Vigués Distinguido. O servizo mellora con 3 saídas simultáneas para vehículos de extinción de incendios e unha para Protección Civil.
“É un parque moderno, moi preparado e temos os materiais e os profesionais mellor formados”, afirmou o alcalde.
As novas instalacións contarán con soto, baixo, dúas plantas e un torreón cunha superficie útil de case 2000 metros cadrados e dotadas de sistema de climatización, renovación de aire e ventilación, sistema de recollida de pluviais e fecais, rede de megafonía, voz e datos, sistemas de seguridade e instalación de aire comprimido, sistema de protección contra incendios e dotación de ascensor na zona de uso do propio edificio. Ademais, contará cun aula para a formación continua de bombeiros e voluntarios de Protección Civil, así como unha torre de manobras para prácticas de bombeiros.