Vigo ten a segunda mellor potabilizadora do mundo e a primeira de Europa
O alcalde amosa o “orgullo” da cidade polo funcionamento da potabilizadora municipal do Casal, que vén de ser recoñecida nos Global Water Awards.

Abel Caballero visitou este venres a potabilizadora do Casal, que acaba de ser premiada nos Global Water Awards, coñecidos como os Óscar da auga, cos que a publicación británica Global Water Intelligence valora as mellores prácticas no sector da xestión da auga.
A potabilizadora de Vigo recibiu o premio como a primeira planta de Europa e a segunda do mundo na categoría “Mellor planta de tratamento 2025”, solo superada pola cidade de Shangay que ten 25 millóns de habitantes, e impúxose a outras cidades de Filipinas e Malaisia. O xurado destaca a eficiencia na xestión, a tecnoloxía empregada e a sostibilidade ambiental e social da planta do Casal de Vigo.
“É un gran recoñecemento; unha gran noticia para a cidade”, apuntou o alcalde, que trasladou o “orgullo” da cidade polo conxunto do ciclo da auga en Vigo ao contar cunha potabilizadora excepcional que consegue que obteñamos “auga mineral da billa”.
O Concello investiu case 23 millóns de euros na nova potabilizadora, con financiamento municipal, para abastecer a unha poboación de 500.000 persoas, tanto da cidade como da área metropolitana.
Sobre o ciclo da auga, Caballero explicou que a captación se produce na presa de Eiras e chega ao Casal, onde se potabiliza. “Completamos o ciclo de forma exemplar”.

