“Iniciamos unha grande transformación nunha gran avenida da cidade”
Abel Caballero e o Delegado do Goberno en Galicia participaron este luns no acto simbólico de colocación da primeira pedra da obra de humanización da Avenida de Madrid que conta cun orzamento de 16,8 millóns de euros.

“Levamos máis de 30 anos esperando” comezou o rexedor o seu discurso no que deu conta das xestións desenvolvidas desde o goberno municipal para conseguir “iniciar unha grande transformación nunha gran avenida da cidade”.
O alcalde trasladou a súa “satisfacción absoluta” ante unha humanización da Avenida de Madrid que supoñerá o aumento dun 50% da superficie de uso peonil, a creación de zona verde e unha medianeira verde, que permitirán retirar os “molotes de cemento” que configuran a actual vía. Será unha “avenida moi permeable, que non é so para vehículos senón que é tamén para as persoas, unha avenida para quen a vive e a camiña”.
A obra de remodelación ten un orzamento de 16,8 millóns de euros, que financia o Goberno de España nun 70%, achegando 11,7 millóns de euros, mentres o Concello achega 5,1 millóns. Caballero destacou que coa súa chegada á alcaldía, no ano 2011, iniciou as conversacións co Goberno do Estado acordando unha “reforma insuficiente”, que posteriormente, logo de “moito tempo de traballo”, mellorou co goberno de Pedro Sánchez.
O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o investimento do Goberno de España nesta actuación de 2,37 quilómetros de longo e case 17 millóns de euros, un exemplo da resposta estatal ás demandas da veciñanza para construír un “Vigo máis accesible, sostible e pensado para viguesas e vigueses”. Blanco dirixiuse ao alcalde para reiterar que “o Goberno de España está ao teu lado con investimentos, infraestruturas e modernizando a cidade. Seguiremos traballando para seguir facendo o que queda por facer”.


