Escoitar

Aberto o prazo de inscrición para a X Andaina polos Montes de Vigo

O Concello bota a andar a X Andaina polos dos montes de Vigo, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo e co patrocinio de Vegalsa-Eroski. Terá lugar o domingo 11 de maio, pola mañá, sendo a base de operacións o Parque Forestal do Vixiador. As inscricións poden facerse no 010 dende o mércores 30 de abril ata o venres 9 de maio, ás 13 horas.

luns, 5 mai 2025

O obxectivo que se persigue con este evento é dar a coñecer os recursos dispoñibles nos montes periurbanos de Vigo: parques forestais e sendeiros locais, onde nos podemos achegar ao patrimonio natural, así como algúns dos miradoiros e espazos etnoarqueolóxicos máis destacados da cidade. 

Nesta edición daranse a coñecer os servizos ecosistémicos que aportan os montes á sociedade nun espazo emblemático como o Parque Forestal do Vixiador, na Comunidade de Montes de Candeán. Particularmente falarase dos servizos recreativo-culturais, dos que O Vixiador é unha boa mostra, así como dos servizos de regulación hídrica e de regulación de CO2 ou do efecto illa ante a onda de calor dos períodos de altas temperaturas cada vez máis frecuentes.

As andainas previstas circularán polos sendeiros locais de Candeán e de Cabral, pasando tamén polos parques forestais de Bandeira e de Cotogrande ou por lugares de interese arqueolóxicos como a Mámoa do Vixiador ou a Necrópole da Chan dos Touciños (a carón do Cemiterio de Candeán). A súa vez permitirán comprobar unha variedade de plantacións forestais, coas curiosidades das sequoias e das oliveiras plantadas en Candeán, así como o problema das especies exóticas invasoras.

As inscricións poden facerse no 010 dende o mércores 30 de abril ata o venres 9 de maio ás 13 horas. A programación completa pode verse na web do programa municipal Camiño a Camiño.

Descargar todas as imaxes

Máis información