A Orquestra Clásica interpreta a Beethoven no concerto despedida do seu 40 aniversario
O alcalde anima á cidade a presenciar o recital con orquestra e coro e 150 artistas no escenario do Teatro García Barbón, este sábado ás 20:30 horas.

A Orquestra Clásica despide a temporada do seu 40 aniversario cun gran concerto para orquestra e coro: “Beethoven: Misa en do maior”, que se celebrará este sábado, 10 de maio, ás 20:30 no Auditorio Afundación.
Durante a presentación en rolda de prensa, o alcalde puxo en valor o recital por ser “unha obra magnífica, excepcional” e convidou a toda a cidade a presencialo salientando a calidade da orquestra: “marabillosa, da maior excelencia que se pode conseguir en orquestras clásicas”.
Manuel Martínez Álvarez-Nava, director artístico da Orquestra Clásica, deu conta das actividades que desenvolveron ao longo do último ano para celebrar os primeiros corenta anos de traxectoria “xogando e demostrando como a orquestra é un paraugas que chega a todos lados e é capaz de facer moitísima música, sen quedar cun só estilo ou un só autor”. Neste ano, pasaron 3000 persoas polos diferentes eventos que organizaron e o vindeiro sábado sumarán 150 artistas en escena nun concerto “grandioso”.
Tal e como expuxeron, “Misa en do maior” é a primeira misa composta por Beethoven e un dos poucos exemplos do repertorio coral do compositor. A Orquestra Clásica estará acompañada polo Ensemble Vocal Prol Musica, procedente do Oporto, nun recital dirixido por Manuel Martínez Álvarez-Nava coa soprano Raquel Paulo, a mezzosoprano Ana dos Santos, o tenor Pedro Rodrigues e o baixo Rui Silva.
Na presentación deste luns participaron tamén Carmela Silva, primeira tenente de alcalde; Gorka Gómez, edil de Cultura, e Manuel Martínez, director técnico da Orquestra desde o momento da súa creación.