O Concello dispón tres novas áreas de calistenia
O goberno local abre o proceso de licitación para a substitución da cuberta da grada do campo de fútbol de Samil por un importe de 130.780 euros. Amais, Abel Caballero avanzou que “imos instalar tres cortinas motorizadas de separación” no pavillón de Quirós.

O rexedor vigués avanzou que a Xunta de Goberno aprobará a contratación do subministro e instalación de elementos deportivos para tres novas áreas de calistenia por un importe de 102.663,49 euros. “Trátase dunha nova modalidade deportiva que utiliza o peso propio do corpo para adestrar e que realiza cada vez máis xente”, explicou Caballero, indicando que as novas áreas se establecerán en Samil, Teixugueiras e Jacinto Benavente.
As novas áreas de calistenia estarán formadas por elementos de aceiro e contarán cunha combinación de equipos de exercicio composto por barras paralelas, un banco de abdominais, escaleira de mono, escaleira de mono con desprazamento lateral, espaldera con 5 niveis, dúas barras de dominadas, unha barra horizontal a baixa altura, unha barra de piruetas e unha barra vertical para realizar o catavento, entre outras. Na actualidade existen na cidade catro áreas de calistenia: Pizarro, Emilia Pardo Bazán, Vialia e Castrelos.
Campo de fútbol de Samil
“Queremos realizar unha gran reforma nas instalacións deportivas de Samil, unha reforma ata que realicemos o traslado definitivo”, explicou Caballero, avanzando que “queremos substituír a cuberta da grada, trocar o céspede artificial e reparar o muro que caeu cos temporais e dá ao Lagares”, para a que o Concello esta “esperando polos permisos da Dirección Xeral de Costas e Augas de Galicia”.
Con respecto á primeira das actuacións, o Concello de Vigo abre o proceso de licitación para a substitución da cuberta da grada do campo de fútbol de Samil por un importe de 130.780 euros. O obxectivo é resolver os problemas existentes de oxidación, provocadas pola súa proximidade ao mar, substituíndo o material de cobertura respectando a forma existente.
Pavillón de Quirós
Abel Caballero tamén avanzou que “imos instalar tres cortinas motorizadas de separación” no pavillón de Quirós, xunto a unha rede de protección do fondo este para separar o rocódromo do resto da pista. A actuación terá un importe de 45.300 euros. “Esta infraestrutura permitirá dividir a pista en tres zonas e compatibilizar varias actividades deportivas”, explicou o primeiro edil vigués.