O goberno local inviste 838.000 euros no "Programa Socio-Educativo de Apoio Familiar" co que atende a 535 menores
O goberno municipal prorroga durante un ano o contrato do “Programa Socio-Educativo e de Apoio Familiar” que atende a 390 familias. O importe do servizo ascende a 838.000 euros, segundo avanzou hoxe o alcalde. A este acordo hai que sumar o visto e prace a 97 axudas de emerxencia por un valor superior aos 27.000 euros. “Vigo é a cidade de España coa máis importante política social”, sinalou.

O rexedor recalcou hoxe que o programa municipal de axuda ás familias atende a 535 menores de idade en situación de vulnerabilidade, proporcionándolles apoio socioeducativo. Caballero indicou que en 2024 o Concello atendeu a 1.247 usuarios, dentro dun conxunto de preto de 6.000 intervencións de apoio a familias.
O alcalde recalcou que o programa municipal “tiña e ten que ser pagado pola Xunta de Galicia pero págao o Concello".
Axudas de emerxencia
Entre as 97 axudas de emerxencia aprobadas esta semana atópanse as 40 destinadas a alimentación por valor de 12.195 euros, así como as 31 para vivenda por 12.000 euros, as 22 para subministracións por 1.360 euros e outras 4 para mobiliario de primeira necesidade e prótese por 1.228 euros.
Desde xaneiro, o Concello concedeu preto de 1.000 axudas por un importe de máis de 300.000 euros. “Isto ademais do resto da política social que totaliza moitos millóns de euros porque Vigo é a cidade de España coa máis importante política social”, afirmou Caballero.