Caballero propón a Vigo como cidade anfitrioa do "Programa Rueda Academia de Cine”
O alcalde expuxo hoxe aos directivos da Academia de Cine, que esta semana desenvolven en Vigo o programa “Rueda", que Vigo se converta en “punto fixo” e “cidade anfitrioa” da programación que na actualidade reúne a 50 cineastas. “Mentres sexa alcalde, as portas de Vigo están abertas ao cinema”, asegurou.

“Vigo é unha acreditada marca de cidade e temos o máximo de ambición”, argumentou o rexedor este mércores ante o vicepresidente da Academia de Cine, Rafael Portela, e Inés Enciso, coordinadora do departamento de Desenvolvemento e Investigación, durante a presentación do programa “Rueda Academia de Cine” que se desenvolve ao longo de toda a semana en distintos escenarios e centros educativos.
Caballero destacou a presenza na cidade da actriz gañadora do premio Goya, Carolina Yuste, así como da directora de cinema Pilar Palomero, entre outros cineastas, guionistas e protagonistas da produción audiovisual española e galega.
O alcalde incidiu en que o programa “Rueda Academia de Cine” conta coa maior importancia para Vigo, por iso trasladou a petición de ser a “anfitrioa” dos encontros que se realizan cada ano en distintas urbes españolas.
“Queremos que Vigo estea no cinema, que se incorpore á cultura e que sexamos parte da cultura do cinema”, recalcou. “Mentres sexa alcalde pedirémosvos que esteades aquí e outras cousas que queremos no futuro”, indicou Caballero.
Colaboración
O vicepresidente da Academia de Cine celebrou a segunda edición do programa en Vigo, á vez que agradeceu a acollida do Concello a través da Vigo Film Office. “Celebramos que Vigo está aberto á cultura e que teña tantas rodaxes”, aseguro Rafael Portela.