Escoitar

As nais de Érguete, Morris e Alonso Montero serán Vigueses Distinguidos 2025

O alcalde avanzou este mércores que a asociación de nais contra a droga nacida en Galicia nos anos 80, o actor vigués Antonio Durán “Morris” e o historiador e ensaísta Xesús Alonso Montero recibirán o galardón o vindeiro 26 de marzo.

mércores, 12 mar 2025
O alcalde na inauguración da exposición dos 40 anos de Érguete no Marco
O alcalde na inauguración da exposición dos 40 anos de Érguete no Marco

O Concello celebra o acto de entrega dos premios Viguesas e Vigueses Distinguidos de 2025 o vindeiro mércores, 26 de marzo, no Teatro García Barbón, onde serán recoñecidas diferentes entidades e profesionais da cidade.

Abel Caballero vén de anunciar que serán Viguesas Distinguidas as nais da Asociación Érguete “que marcaron un antes e un despois na historia da guerra contra a droga en Galicia”, desde que no ano 1985 iniciaron a súa loita contra o narcotráfico para defender aos seus fillos, en moitos casos drogadictos, sinalando aos narcotraficantes e denunciando a súa actividade. Este 2025 cúmprense 40 anos do inicio da loita destas mulleres desde o seu asociacionismo do que saíu a Fundación Érguete-Integración, “que segue a traballar de forma intensa na cidade”.

Tamén recibirá o recoñecemento como Vigués Distinguido Antonio Durán “Morris”, actor vigués de “traxectoria longuísima e excepcional” no teatro, no cine e na televisión, destacou o rexedor. Desde os seus comezos nos anos 80, ata a actualidade coa súa participación en series como Fariña, que lle valeu o Premio Feroz e o Premio da Unión de Actores polo seu papel como Charlín, pasando por películas como Los Lunes al Sol, Princesas, Celda 211, Pieles ou A Esmorga ten sido premiado polas súas interpretacións cos Premios Mestre Mateo 2015 e 2018 e como mellor actor no Festival de cinema español de Toulouse en 2015.

O alcalde avanzou que Xesús Alonso Montero será Vigués Distinguido 2025 por ser unha “figura clave e imprescindible na historia de Galicia e na historia da cultura de Galicia”. Filólogo, historiador de literatura galega e un dous ensaístas galegos máis importantes dos últimos anos, Alonso Montero é Catedrático emérito de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, presidiu a Real Academia Galega entre os anos 2013 e 2017 e ademais, apunta Caballero, é un “home sabio, comprometido cos valores do progresismo”.

 

O alcalde na inauguración da exposición dos 40 anos de Érguete no Marco
Caballero con Morris na presentación da Vigo Film Office en Fitur 2025
Descargar todas as imaxes