O alcalde chama a participar na Festa da Reconquista coas vestimentas tradicionais
Abel Caballero presentou hoxe, con Carmela Silva, Ana Laura Iglesias, Olga Alonso, Ángel Rivas, e co presidente, o secretario e o membro da Asociación de Veciños Casco Vello, José Fumega, Fiz Axeitos e Gonzalo García, os carteis e o programa da festa da Reconquista. “É unha das grandes festas de Vigo e de Galicia”, reivindicou animando á cidadanía para participar con vestimentas de época.

O alcalde destacou este martes o carácter da Festa da Reconquista de Vigo como unha gran romaría urbana e o seu status como unha das grandes celebracións de Galicia.
“A festa é unha forma de mostrar o espírito, a tradición e a fortaleza” dun acontecemento histórico de Vigo, afirmou o rexedor ao apuntar a participación de miles de persoas e animar a gozar, desdo o sábado 22 ao domingo 30 de marzo, do extenso programa festivo que tamén contará este ano novamente co Paseo de Alfonso como escenario festivo.
Caballero destacou o traballo de Cibrán González, autor do cartel da Reconquista; así como da alumna do colexio Picacho, Isabela Castelleti Boggia, responsable da Reconquistiña.
Programa
O presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, José Fumega, lembrou que a celebración arrinca o día 22 cun concerto da orquestra Kv2211 na Concatedral, así como coa representación, a partir das 20.00 horas, da destitución da corporación afrancesada na Praza do Berbés.
O domingo 23 a organización recupera a búsqueda do tesouro, unha das actividades de éxito realizadas en edicións anteriores.
A Reconquistiña, coa participación de preto de 2.000 escolares, terá lugar o martes 25. Os participantes marcharán desde a Praza do Rei ata a Praza do Berbés e gozarán dunha chocolatada e dunha actuación musical.
A Porta do Sol será escenario, o mércores 26, do ensaio xeral da festa. A montaxe da feira comezará o xoves 27.
A partir das 11 da mañá do venres 28, o Casco Vello despregará o mercado tradicional e unha batería de actuacións musicais.
O domingo 30 terá como eixo festivo a representación da reconquista da Vila de Vigo a partir das 18.00 horas.


