Caballero convoca un pleno extraordinario para abordar a necesidade de que o Porto de Vigo sexa Nodal
O Pleno debaterá, entre outros asuntos, sobre a constitución dun grupo de traballo integrado polo Ministerio de Transportes, a Xunta de Galicia, o Concello e o Porto co fin de elaborar as propostas que se trasladarán á Comisión Europea para modificar a metodoloxía de declaración de Portos Nodais. O alcalde reclama que se teñan en conta cuestións tales como "o valor da mercadoría, o valor engadido que xeran as mercadorías que se cargan e descargan nos portos, a cantidade de produtos de alimentación e a súa capacidade de exportación”.

Abel Caballero anunciou esta mañá a convocatoria dun pleno extraordinario no que abordar a necesidade de que o porto de Vigo sexa recoñecido como nodal, xa que é innegable a súa importancia na economía da cidade e de toda Galicia. O rexedor puntualiza que, en todo caso, é unha competencia autonómica e a Xunta non fixo nada para conseguir esa categoría.
A consideración de portos nodais en Europa decídese fundamentalmente por criterios de cantidade de carga, non obstante, deben introducirse novos parámetros nesta decisión: o valor da mercadoría, o valor engadido na produción e a cantidade de produtos alimentarios. Neste sentido, Vigo caracterízase por ser un porto con mercadoría de altísimo valor que mantén a cadea de produción de valor engadido de toda a economía do sur de Galicia. “Por iso é preciso e necesario cambiar o enfoque actual introducindo a variable do valor da mercadoría con independencia do tonelaxe”, sinalou Caballero.
O alcalde propón a creación dun grupo de traballo no que estean presentes o Ministerio de Transportes, a Xunta de Galicia, o Concello e o Porto, co fin de estudar as medidas que se deben tomar e as propostas que se trasladarán á Comisión Europea, co obxectivo de modificar a metodoloxía de declaración de portos nodais, para que os criterios de selección se adapten ao tonelaxe, o valor da mercadoría e algo tan importante como o tránsito de produtos alimentarios. Desde a automoción, liderada por Stellantis, coa saída de automóbiles e compoñentes, ata o tráfico de peixe fresco e conxelado, xa que Vigo é un dos grandes portos pesqueiros do mundo.
Outro aspecto que debe ser considerado son as comunicacións terrestres do Porto de Vigo, tanto ferroviarias como por estrada. En relación co ferrocarril, proponse o rexeitamento á construción dun ferrocarril a Bouzas por romper e producir un dano irreversible na cidade (atravesando A Salgueira, Gran Vía, Avenida de Castelao, parte de Alcabre, urbanización Sotavento e o paseo da Terminal de Bouzas) e respaldar que a terminal de Bouzas sexa dedicada ao tráfico de exportación de vehículos de Stellantis en toda a superficie.
Tamén se propón que o Goberno de España e a Comisión Europea continúen o proceso de modernización da rede ferroviaria de mercadorías do conxunto do Arco Atlántico e as conexións de Vigo co resto de Europa. Neste proceso, é preciso dotar ao espazo ferroviario de Guixar de todo o necesario para o desenvolvemento loxístico que reclama a modernización do transporte ferroviario no Porto de Vigo e que a terminal ferroviaria de Guixar sexa ampliada, utilizando os terreos de ADIF.
Pola súa banda, as comunicacións por estrada do Porto de Vigo son deficientes, xa que unha das saídas debe realizarse por autoestrada de peaxe, e a outra, a través da A-55, unha vía de alta perigosidade e con perda de moito tempo na viaxe. Por estas razóns, proponse levar adiante a autovía en túnel a Porriño para prolongar a A-52 ata Vigo e demandar ao Goberno de España a liberalización da peaxe en toda a autoestrada AP-9, e con carácter prioritario no tramo Vigo-Pontevedra.