Gente de Zona, cuarta confirmación para actuar en Castrelos
Abel Caballero anunciou esta mañá que o dúo cubano chegará a Vigo o 17 de xullo para realizar “un concerto excepcional”.

O 17 de xullo subirá ao auditorio de Castrelos Gente de Zona cunha actuación "excepcional", asegurou Caballero anunciando deste xeito a cuarta confirmación dos concertos do “Vigo en Festas 2025”. O dúo cubano de salsa e reguetón "máis exitoso do mundo" chegará a cidade para “facer as delicias" de todos os amantes desa música.
No 2014 alcanzaron, xunto a Enrique Iglesias, o seu primeiro gran éxito internacional, “Bailando”, que superou os 3.651 millóns de visualizacións en Youtube e foi galardoado con tres Premios Grammy Latinos. En 2015 lanzaron “La Gozadera” con Marc Anthony, cunha letra que homenaxeaba a cultura latinoamericana e co que copou a cabeceira das listas de escoitas.
Actualmente, contan con máis de 6 millóns de oíntes mensuais en Spotify e máis de 2 millóns de seguidores en Instagram. Recibiron numerosos recoñecementos como 6 Premios Grammy Latinos e 12 Billboard Latin Winners.