Escoitar

O Pleno apoia a autovía en túnel ao Porriño, unha demanda da cidade desde hai 30 anos

Abel Caballero felicitou esta mañá á cidade porque Vigo vai contar cunha autovía en túnel a O Porriño despois de 30 anos de espera. O Pleno validou esta mañá un texto que destaca a importancia desta infraestrutura e insta ao Goberno Central a adoptar todas as medidas que poidan rebaixar ao mínimo as afeccións.

xoves, 6 mar 2025

O pleno municipal acordou esta mañá por maioría apoiar a ampliación da A-52 en túnel en base ao proxecto aprobado polo Goberno de España e que dará solución a unha das grandes carencias en infraestruturas desta cidade. O grupo socialista defendeu un texto que insta ao Executivo Central a analizar as alegacións presentadas durante a información pública do tramo A-52 Porriño-Vigo, de xeito que o conxunto da nova autovía resulte funcional e segura e garanta unha boa conexión coa autovía das Rías Baixas.

O voceiro do goberno local, Carlos López Font, argumentou que a autovía a O Porriño é unha "demanda histórica" da cidade e acusou ao BNG e ao PP de pedir a súa paralización para "perder outros 30 años". Na súa intervención, lembrou que os socialistas vigueses levan moitos anos reclamando a supresión da peaxe de toda a AP-9, aínda que precisou que liberalizar o tramo Vigo-O Porriño non é unha alternativa funcional.

A proposición saíu adiante cos votos a favor do PSOE e a oposición de PP e BNG. A iniciativa incluía que a concelleira do PP, Luisa Sánchez, e as senadoras populares Nidia Arévalo e María José Pardo "pidan perdón" a Vigo pola súa "oposición" á autovía e por "ter lanzado o bulo responsabilizando a Abel Caballero da construción da A-55".

Unha vez rematada a sesión plenaria, Caballero felicitouse porque a maioría do Pleno avalou a construción da nova autovía, unha infraestrutura reclamada polo goberno de Vigo desde o ano 2018. Contamos cun proxecto “excepcionalmente bo2, con 20 vivendas afectadas en Vigo e que permitirá chegar en catro minutos desde o Seminario ata o enlace coa autovía Madrid-O Porriño. “Hoxe a democracia votou a favor da autovía”, sinalou.

Na súa intervención, reiterou que estará “ao lado das familias afectadas para que respecten os seus dereitos”, ao tempo que aclarou que poderán realoxarse na mesma zona. Insistiu na necesidade de que se estuden as alegacións para que a afección sexa a menor posible. Este proxecto permitirá aforrar tempo, velar polo medio ambiente e, sobre todo, salvar moitas vidas, concluíu. Respecto do uso da AP-9 como alternativa, Caballero explicou que nestes momentos o percorrido do que falan BNG e PP xa está moi bonificado, cunha rebaixa do 84% do custo pero aínda así non ten usuarios.

 

Descargar todas as imaxes