O Goberno de España defende que Vigo “ten que ser titular” como sede do Mundial 2030
O alcalde amosoulle esta mañá ao presidente do CSD, José Manuel Rodríguez Uribes, o estadio municipal de Balaídos. Vigo “xoga con vantaxe” porque só “ten que completar o aforo” mentres que “hai sedes recoñecidas que teñen que facer un estadio novo”, explicou Uribes.

Abel Caballero e o presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Rodríguez Uribes, visitaron na matinal de hoxe o estadio municipal de Balaídos, para “observar in situ” o proxecto que a cidade presentou para ser sede do Mundial 2030. Na visita estiveron acompañados polos tenentes de alcalde, Carmela Silva e Javier Pardo.
“Coa reforma proxectada alcanzamos os 43.000 asentos netos e os 45.000 brutos, como esixe FIFA e como é coñecedora a Federación Española”, sinalou Caballero, reiterando a esixencia de que “se fagan públicos os baremos e puntuacións de todas as candidaturas” a ser sede do Mundial. En canto ao financiamento o rexedor vigués destacou que o Concello de Vigo é o “único dos que optaron que non ten débeda”, aludindo á resposta comunicada pola Federación como explicación da exclusión.
José Manuel Rodríguez Uribes explicou que “dende o principio tiñamos moi claro que Vigo debe estar”, e explicou que vai continuar "conversando coa FIFA e a Federación” para a inclusión de Balaídos. O presidente do Consello Superior de Deportes, destacou o papel de Vigo como representante da “comunión con Portugal, esa ponte con Porto”, o que califica tamén como “unha razón poderosísima”.
“Pola nosa parte a determinación é absoluta”, sinalou Uribes, facendo fincapé en que “hai sedes recoñecidas que teñen que facer un estadio novo”, mentres que Balaídos só “ten que completar o aforo” e “xoga con esa vantaxe de poder telo en menos tempo”. “As razóns son obxectivas”, considerando a Balaídos “un estadio con un potencialidade tremenda” e “ten que ser titular”. Tamén recalcou que “é un deber de transparencia mostrar a información” sobre as puntuacións, xa que “non poden ser decisións discrecionais” e “insistirei ao presidente da Federación que ofreza toda a información”.



