Escoitar

O alcalde inaugura as segundas ramplas mecánicas en Lavadores

Desde este xoves están en funcionamento as tres ramplas mecánicas que conectan a zona de Gandarón e Severino Covas con Ramón Nieto a través do Colexio Losada, unha obra financiada con Fondos Europeos Next Generation que inclúe a humanización da contorna.

xoves, 6 mar 2025

“Unha humanización en óptima calidade en Lavadores con ramplas mecánicas, zonas verdes e a ampliación do parque infantil”, así resume Abel Caballero o resultado da obra desenvolvida polo goberno municipal que se inaugurou este venres.

O programa Vigo Vertical suma un novo elemento de conexión en Lavadores, tras a posta en marcha da rampla mecánica do Centro de Saúde o pasado mes de setembro.

A obra de instalación das ramplas mecánicas que conectan a zona de Gandarón e Severino Covas con Ramón Nieto a través do Colexio Losada e a humanización da zona ten un orzamento de 2,3 millóns de euros, dos que o 70% está financiado con Fondos Europeos Next Generation EU achegados polo Goberno de España.

Tal e como explicou o alcalde, son tres ramplas mecánicas cunha lonxitude total de 98 metros para salvar unha diferenza de cota de 18 metros, cunha pendente superior ao 20% nalgúns tramos. Levará unha cuberta formada por pórticos metálicos e vidro laminado.

A actuación incluíu a construción de novas ramplas peonís para mellorar a accesibilidade e mobilidade, a renovación da calzada dotándoa de pasos resaltados, ampliando as beirarrúas e unificando a rasante para favorecer a accesibilidade. Amais, renováronse as redes de abastecemento, saneamento, pluviais, telecomunicacións, iluminación e sinalización; acondicionáronse 1.000 metros cadrados de novas zonas axardinadas, ampliouse o parque infantil Miranaia e instaláronse 7 bancos e 4 papeleiras.

Ocupación hoteleira en febreiro

O rexedor informou este xoves da ocupación hoteleira rexistrada no mes de febreiro na cidade que chegou a “practicamente o 50%, case nove puntos máis ca en febreiro do ano pasado”, polo que cidade “volve bater marcas de ocupación. Xa somos unha potencia turística”.

Caballero trasladou a súa satisfacción por estes datos porque a ocupación “é turismo, economía, emprego e é tan importante na cidade” e máis en febreiro, engadiu, un mes no que tradicionalmente a ocupación era cero nos hoteis da cidade.

En canto á procedencia dos turistas, o 19% veñen á cidade do resto de Galicia, o 54% do resto de España e o 26% son internacionais, dos que a metade proceden de Portugal.

 

Descargar todas as imaxes