O rexedor convida a cidadanía a visitar o 34º Salón do Automóbil de Vigo
Do 12 ao 16 de marzo, o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) acollerá máis de 20.000 metros cadrados de exposición. Esta mañá, Abel Caballero, acompañado de José Enrique Elvira e José Manuel Fernández Alvariño, director e presidente do Comité organizador do certame, presentaron as novidades desta edición.

Vigo prepárase para recibir unha nova edición do Salón do Automóbil de Vigo, o evento de referencia para os amantes do motor en Galicia. Do 12 ao 16 de marzo, o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) acollerá máis de 20.000 m² de exposición, nos que se reunirán os principais fabricantes do sector, que presentarán as súas novidades máis destacadas. Esta mañá, o alcalde, Abel Caballero, e os organizadores do certame mostraron as novidades da 34ª edición, aproveitando para poñer en valor a relevancia da cidade de Vigo no sector da automoción.
Caballero aproveitou a ocasión para convidar á cidadanía viguesa a asistir ao Salón do Automóbil para, ademais de interesarse pola posible compra dun vehículo, pasar unha agradable xornada en familia. Pola súa banda, José Enrique Elvira e José Manuel Fernández Alvariño, director e presidente do Comité organizador do certame, quixeron agradecer o apoio institucional ao salón ao longo das súas 34 edicións, permitindo a súa celebración ininterrompida desde 1992.
Cabe destacar que, nesta 34ª edición, preto de 40 marcas estarán presentes en IFEVI para ofrecer aos asistentes unha ampla variedade de opcións de compra, desde os vehículos máis punteiros en tecnoloxía eléctrica e híbrida ata os clásicos de gasolina e diésel, ademais os asistentes poderán gozar dunha variada oferta de lecer relacionada co mundo do motor, con exposicións de superdeportivos, coches de rally e moito máis.

