O prazo para solicitar o programa Vigo en inglés arranca o próximo 17 de marzo
O luns 17 de marzo comeza o período para solicitar unha praza no programa Vigo en inglés 2025. Son case mil vacantes dotadas dun orzamento de case 3 millóns de euros.

O Goberno local aprobou as condicións para participar no Programa de Inmersión Lingüística Vigo en inglés 2025 que este ano conta con 925 prazas e un orzamento de 2.950.000 euros. O prazo de solicitude estenderase desde o luns 17 ata o luns 31 de marzo, segundo informou esta mañá o rexedor.
Os requisitos para acceder a unha das bolsas son, ademais de estar empadroado na cidade, cursar 3º da ESO, ter aprobadas todas as materias do curso anterior e contar cunha nota mínima de 7 en inglés.
Cada bolsa prevé a matrícula do curso intensivo en lingua inglesa con clases de inmersión lingüística, ademais de integración en escolas públicas ou privadas do Reino Unido. Trátase dunha estadía de 3 semanas, que inclúe gastos de viaxe, un monitor por cada 20 alumnos, actividades de ocio, aloxamento en casas de familias inglesas, pensión completa e gastos de transporte.
Vigo é o único concello de España que financia con fondos propios a aprendizaxe dun idioma como ferramenta fundamental no futuro laboral da mocidade de Vigo.
Hotel Auditorio Mar de Vigo
A Xunta de Goberno autorizou hoxe a xestión do hotel do Auditorio Mar de Vigo a Borealis Hotels S.L. cun canon anual de 727.000 euros. Trátase da mesma mercantil que o administra na actualidade e a concesión é por dous anos con opción a unha prórroga de outros dous. O hotel ten categoría 4 estrelas.