O Consello Municipal da Muller recibirá o recoñecemento de Viguesa Distinguida 2025
Así o anunciou o alcalde durante a celebración do Pleno en conmemoración do Día Internacional da Muller, avanzando tamén que o xornalista Antonio Mínguez Hermida, recibirá o galardón. Este ano o autor do Bando da Reconquista será Óscar Vladimir Vallejo Torres, fiscal xefe de Vigo.

O vindeiro mércores, 26 de marzo, celebrarase a gala de Viguesas e Vigueses Distinguidos no Teatro García Barbón nun acto no que o Consello Municipal da Muller será recoñecida polo seu traballo "como feministas, loitadoras pola igualdade e a liberdade". Así o anunciou Abel Caballero durante a celebración do Pleno Municipal específico polo Día Internacional da Muller.
Caballero subliñou o esforzo deste colectivo na loita para garantir o dereito das mulleres, como metade da poboación que son, na participación na vida política, económica e na súa autonomía e liberdade. Queremos que sigan sendo un lugar de encontro” das asociacións e entidades que traballan en favor das mulleres en Vigo.
Ademais, o rexedor trasladou que Antonio Mínguez Hermida será Vigués Distinguido 2025. É "un profesional importantísimo da radio", nacido en Vigo en 1943, desenvolveu o seu labor profesional en Radio Vigo dende 1965 ata o ano 2000. “Era unha voz inconfundible e imprescindible na radio da cidade”, explicou, facendo de ponte entre Vigo e Iberoamérica, especialmente con Arxentina.
Bando da Reconquista
O alcalde de Vigo desvelou, así mesmo, que este ano o autor do Bando da Reconquista será Óscar Vladimir Vallejo Torres, fiscal xefe de Vigo. Ten 49 anos, e ingresou na carreira fiscal no ano 2007 e, ata o seu nomeamento no cargo actual encargábase dos casos de Tui e o Baixo Miño dentro da Fiscalía de Área de Vigo. Dende o 2013 é membro da sección especializada de Seguridade e Saúde no Traballo. O Bando da Reconquista lerase durante o acto institucional que se celebrará na Praza da Independencia o 28 de marzo.
Pleno da Muller
O Pleno específico do Consello Municipal da Muller celebrouse este venres con motivo da conmemoración do 8 de marzo que este ano se desenvolve na cidade baixo o lema “Libres, fortes e unidas.”. O alcalde deu a benvida ás integrantes do Consello da Muller poñendo en valor o seu traballo ao longo de todo o ano e durante tantos anos e salientou a importancia da conciencia política, nun momento no que se detectan retrocesos na igualdade. Salientou que "se están a producir ataques directos ao feminismo e á igualdade que fan imprescindible que todos e todas afrontemos o que está a suceder contra a igualdade, un reflexo doutras formas de entender o mundo”. Esta ameaza de retroceso, engadiu, converte este Pleno nun acto máis importante ca nunca porque “vai ser unha loita dura e difícil e vaísenos vai atacar por ser feministas, libres, fortes e unidas”.
Carmela Silva, primeira tenente de Alcaldía e responsable da Área de Igualdade, presidiu a sesión plenaria específica nesta xornada e arrancou dándolle as grazas a todos os colectivos participantes. “Síntome orgullosísima de todas e cada unha de vós, aínda que non compartamos ideas políticas, si compartimos unha loita férrea pola igualdade” afirmou. Trátase dun Pleno cheo de “dignidade” para reivindicar, denunciar, facer propostas, ideas e de traballar para construír ese mundo no que as mulleres ocupen o noso espazo porque son a metade do mundo.
No Pleno específico do Consello Municipal da Muller interviñeron sete das entidades que o integran dando lectura a diferentes textos:
“A situación económica das mulleres. A pobreza e a exclusión social”. Viúvas Demócratas. Luz Iglesias Herrero. Vicepresidenta do Consello
“A prostitución, explotación sexual e a trata de mulleres e nenas”. Mulheres Nacionalistas Galegas. Luisa Ocampo Pereira
“ A violencia de xénero”. Asociación de Mulleres Dorna. Rita de Melo Medraño
“ As novas misoxinias”. Escola de Mulleres Solidarias. Ángeles Arias Miño
“A imaxe estereotipada das mulleres difundida a través dos medios”. Rede de Mulleres contra os malos tratos. Obdulia Veiga Román
“ Dereitos sexuais e reprodutivos. O aborto”. Asociación feminista Redeiras. Estefanía Rodríguez Leiras
“Respostas do movemento feminista contra o patriarcado”. Asociación Feminista As Furias. Dona Iria Bragado de Jesús
A tenente de Alcalde pechou o Pleno trasladando ao Consello da Muller a importancia poñer a axenda feminista no centro da acción política da man do movemento feminista “porque defende a metade do mundo”. Agradézovos, engadiu, “a vosa valentía porque hoxe é máis difícil ser feminista que hai dez anos”. Silva rematou sinalando a necesidade de que as reivindicacións realizadas neste Pleno se convertan en prioridade política.