Escoitar

O Concello organiza os días 19 e 20 de marzo unhas xornadas formativas sobre a violencia económica contra as mulleres

O Concello de Vigo reunirá os próximos 19 e 20 de marzo a recoñecidas expertas en igualdade con motivo das xornadas: “A violencia económica exercida sobre as mulleres. Control económico, sabotaxe laboral e explotación económica”. A primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, animou á cidadanía e ás profesionais a participar nas sesións formativas máis “potentes de España” sobre os dereitos económicos das mulleres.

luns, 10 mar 2025

A primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, e a concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, presentaron este luns o programa das xornadas formativas sobre a violencia económica exercida sobre as mulleres, organizado para profundar na dimensión do problema, así como para reivindicar os dereitos económicos das mulleres e mellorar a formación dos profesionais de distintos campos, entre outros obxectivos. Terán lugar na sala de conferencias de Afundación.

Carmela Silva recalcou a transcendencia de que, por primeira vez, con motivo da renovación do Pacto de Estado, recóllese a violencia económica como unha das máis graves que se exercen sobre as mulleres. “Atacar ás mulleres a través do poder económico foi ao longo de toda a historia un dos instrumentos do patriarcado para facer que non teñamos nin autonomía nin independencia económica”, afirmou a primeira tenente de alcaldía ao remarcar a relevancia de abordar o tema a través das xornadas formativas organizadas polo Concello.

Entre os temas que centrarán as sesións encóntranse o control económico, a sabotaxe laboral ou a explotación económica e serán abordadas polas personalidades máis relevantes do Estado e de Galicia nestes temas. “Coas xornadas pretendemos abrir un espazo para o coñecemento e a análise desde distintas perspectivas e coñecer a enorme dimensión da violencia económica que se exerce sobre as mulleres, ademais de reivindicar os dereitos e facer que as reflexións cheguen á cidadanía para crear conciencia coa que avanzar a nivel normativo para evitar que as mulleres e os seus fillos sufran” estas situacións, segundo explicou Silva.

Programa

A concelleira de Igualdade debullou o programa que comeza o mércores 19 coa conferencia “Situación actual de todas as formas de violencia económica. Mirada desde as institucións”, protagonizada pola secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Aina Calvo Xastre. Acto seguido, terá lugar a mesa redonda sobre “Violencia económica, sistema de dominación e submisión e control sobre as mulleres”, coa participación da Catedrática de Económicas da Universidade de Vigo, Xulia González; da Catedrática en Dereito Laboral da Universidade de Castela A Mancha, Luz Rodríguez e da xornalista Montserrat Boix Piquei.

Para o xoves 20 está programada a mesa redonda “Medidas e retos para combater a violencia económica”, con Miguel Lorente, ex-delegado do Goberno contra a violencia de xénero, Tania Yugueros educadora social, e María Durán, corredactora da primeira proposición da lei integral. A conferencia sobre “A violencia económica dende a perspectiva xudicial”, de Lucía Avilés, maxistrada titular do xulgado penal 2 de Mataró e vogal do Consello Xeral do Poder xudicial, pechará as xornadas.

As participantes recibirán un diploma que acredita a súa formación.

Descargar todas as imaxes