Escoitar

A rúa Venezuela acollerá o 18 de maio o "Día da Muiñeira" coa participación de 35 grupos

O alcalde presentou hoxe, co presidente da Asociación Cultural Interfolc Internacional e os concelleiros de Educación e de Cultura, o “Día da Muiñeira 2025”, que terá lugar o 18 de maio na rúa Venezuela, a partir das 11 da mañá.

mércores, 12 mar 2025

Abel Caballero destacou este mércores, ao presentar o “Día Internacional dá Muiñeira 2025”, que Vigo é a cidade de Galicia co maior número de grupos de música e baile tradicional e por iso o Concello “vai seguir potenciándoos facendo deles un valor cultural imprescindible”.

O rexedor explicou que no apoio ás mobilizacións culturais de Vigo enmárcase o “Día da Muiñeira”, que arrincará o domingo 18 de maio cun desfile, ás 11 da mañá, dos grupos participantes desde a Praza do Rei ata a rúa Venezuela. As formacións participantes interpretarán unha muiñeira, unha xota e unha riberana ao son do grupo de Gaitas “Airiños do Parque de Castrelos”.

A organización prevé a participación de 35 formacións, entre as que se atopan as conformadas por centros de ensino, asociacións xuvenís, culturais e veciñais, ademais das dos centros parroquiais, dos grupos folclóricos, ou calquera entidade que conte con grupos de baile tradicionais. No caso de superarse o máximo de participantes previstos terán preferencia as formacións de Vigo, segundo lembrou o alcalde.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns 24 de marzo. As anotacións poderán realizarse directamente na asociación e a través do mail asociacionculturalinterfolk@gmail.com.

O Concello achega 25.000 euros ao evento, segundo lembrou o alcalde. “Estamos encantados de que Vigo siga tendo grandes eventos de música e baile tradicional, porque a forma de bailar, interpretar e de sentir permanece moi presente en Vigo”.

Bailes en Vigo

O rexedor tamén anunciou esta mañá as vindeiras datas do programa de "Bailes en Vigo", o que cualificou como un "éxito excepcional". Trátase dunha actividade gratuíta, xa que esta financiada na súa totalidade polo Concello, para que todas as persoas que o desexen poidan participar. As vindeiras datas serán:

  • Sábado 22 de marzo - Asociación de veciños de San Miguel de Oia
  • Sábado 5 de abril - Asociación de veciños O Carballo (Sárdoma)
  • Sábado 26 de abril - Asociación de veciños de Candeán
  • Sábado 10 de maio -  Asociación de veciños de Beade
  • Sábado 24 de maio - Centro Cultural e Recreativo de Cabral
Descargar todas as imaxes