Máis de 1.000 estudantes reciben o seu diploma polo Vigo en Inglés
O alcalde achegouse esta tarde ao Auditorio Mar de Vigo para entregar os diplomas ao alumnado que o curso pasado participou no programa municipal Vigo en inglés. A edición para 2025 xa está en marcha e o período de solicitude comezará o próximo luns 17 de marzo.

Abel Caballero entregou esta tarde os diplomas do programa municipal Vigo en Inglés ao alumnado que en 2024 gozou da súa estancia en Reino Unido e Irlanda. O programa educativo de inmersión lingüística do Concello posibilitou a 925 estudantes contar cunha bolsa que inclúe tres semanas de estadía estudando inglés.
O alcalde lembrou que xa está en marcha o Vigo en inglés 2025, cun orzamento de case tres millóns de euros. O prazo de solicitude estenderase desde o luns 17 ata o luns 31 de marzo e os requisitos para acceder a unha das bolsas son, ademais de estar empadroado na cidade, cursar 3º da ESO, ter aprobadas todas as materias do curso anterior e contar cunha nota mínima de 7 en inglés.
Cada bolsa prevé a matrícula do curso intensivo en lingua inglesa con clases de inmersión lingüística, ademais de integración en escolas públicas ou privadas do Reino Unido. Trátase dunha estadía de 3 semanas, que inclúe gastos de viaxe, un monitor por cada 20 alumnos, actividades de ocio, aloxamento en casas de familias inglesas, pensión completa e gastos de transporte.
O rexedor puxo en valor o éxito desta iniciativa porque “somos a cidade que fala máis e mellor inglés de toda España”.