O goberno de Vigo serviu 100 ceas de Noiteboa aos usuarios da teleasistencia
No mes de decembro o programa municipal atendeu a 782 usuarios. Das alertas, 27 foron por emerxencia sanitaria e 14 por emerxencia social. O servizo de teleasistencia realizou 3.298 chamadas cada semana para coñecer o estado das persoas inscritas. “É totalmente gratuíto e non temos lista de agarda”, dixo o alcalde.
O alcalde fixo balance do servizo municipal de teleasistencia no mes de decembro, co que se atendeu a 782 usuarias, na súa maioría mulleres. O alcalde explicou que ademais do servizo de alarma para cando sucede unha situación excepcional, o programa tamén presta outra atención máis personalizada. Así, un ano máis prestouse o servizo de cea especial de Noiteboa, que este ano beneficiou a 100 persoas.
No mes de decembro rexistráronse 27 avisos de emerxencia sanitaria, 14 de emerxencia social e 490 avisos no urxentes. Nunha semana, o servizo de teleasisencia realizou 3.298 chamadas: para felicitar aniversarios, chamadas para comprobar que as persoas que saíron da casa están de volta, recordatorios de medicación e citas médicas, coñecer o estado de ánimo, entre outras.
O goberno local dedica 200.000 euros a este programa que é totalmente gratuíto para os usuarios e non rexistra lista de agarda.
Axudas ás vítimas da violencia machista
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe o programa municipal de axudas económicas directas de 2025 para as mulleres que son vítimas de violencia de xénero, cun importe de 20.000€, pero ampliable en función das solicitudes. O prazo de solicitude comezá o 10 de xaneiro. O rexedor explicou “que se trata de axudas temporais para gastos de alimentación, hospedaxe, alugueiro, farmacia, transporte ou actividades formativas” e son compatibles con outras axudas.