Escoitar

O goberno de Vigo inicia a conmemoración do Ano Castelao con actividades no Marco

O alcalde deu conta hoxe das propostas do Museo de Arte Contemporánea para sumarse a esta efeméride: unha mostra documental e tres xornadas sobre a figura de Castelao.

mércores, 8 xan 2025

“Dende o Concello de Vigo sumámonos ao Ano Castelao” co que se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento, avanzou o rexedor, ao dar conta das accións propostas polo MARCO para celebrar a homenaxe á figura do “gran escritor, gran pintor e gran intelectual galeguista; un gran pensador, unha persoa que marcou de forma tan importante a dinámica de pensamento e de evolución de toda Galicia”.

O MARCO ten organizada unha mostra documental da obra de Castelao, aberta desde decembro e que pode visitarse ata o mes de febreiro. Baixo o título CASTELAO GRAFISTA, permite unha achega ao seu traballo gráfico, con especial atención ás primeiras edicións dos seus libros, á Revista Nós ou á serie Cousas da vida e ao seu compromiso político co galeguismo.

Amais, o museo celebra tres xornadas este mes de xaneiro sobre a figura de Castelao, que teñen como obxectivo facer balance da súa obra e do seu pensamento. Están coordinadas por Ramón Rozas, con entrada libre na planta baixa do museo ata completar o aforo. Serán o martes 14 de xaneiro, ás 19:30 horas, coa participación de Pilar García Negro e Carlos Bernárdez; o xoves 23 xaneiro, ás 19:30 horas, coa presenza de Ana Acuña e Kiko da Silva e o martes 28 xaneiro, ás 19:30 horas, coa participación de Montse Fajardo e Ángeles Tilve.

“É o principio da conmemoración en Vigo do ano Castelao”, adiantou Caballero.

Descargar todas as imaxes