O 010 prestou case 13.000 servizos telefónicos durante o mes de decembro de 2024
O servizo de información e atención telefónica municipal realizou o pasado mes de decembro 12.999 interaccións, segundo recalcou o alcalde ao lembrar que as chamadas son totalmente gratuítas para a cidadanía. “O 010 está a facer un traballo extraordinariamente importante e agora de forma totalmente gratuíta”, lembrou.

Abel Caballero apuntou hoxe que dos preto de 12.999 servizos telefónicos prestados polo 010 no último mes de 2024, un total de 6.569 foron chamadas para informacións e 6.430 correspóndense con xestións realizadas, das que a maior parte foron sobre suxestións, avisos e felicitacións.
O alcalde destacou que o servizo do 010 xestionou numerosas propostas cidadás sobre temas relacionados coa cultura, a limpeza, o padrón, os servizos sociais, o urbanismo e a educación, entre outros.
"Seguimos avanzando no servizo que presta o Concello desde o 010 e agora de forma totalmente gratuíta", recalcou o rexedor tras lembrar que desde a súa posta en marcha "era de pago e as persoas que chamaban tiñan que pagar pola conexión e de forma excepcional. Xa non, porque neste momento é gratuíto".
Abel Caballero afirmou que recibe numerosas felicitacións polo funcionamento do 010 tanto a través das chamadas e contactos directos co servizo, como nas mensaxes que recibe na rúa da cidadanía, e "agora, sendo gratuíto moitísimo máis".
O Concello destina 360.000 euros ao ano ao servicio de atención á cidadanía, que "é un diñeiro magníficamente ben gastado porque é información, atención e servizos á cidade", incidiu Caballero.