O Concello reclama a reversión á cidade dos terreos da antiga estación de autobuses
Abel Caballero urxe á Xunta a reversión “inmediata” dos terreos da antiga estación de autobuses, cedidos no seu momento polo Concello con ese fin. Arestora, e trasladada a terminal á zona de Vialia, o edificio está abandonado e deteriorado xerando inseguridade na contorna, situación da que se debe facer cargo a Xunta mentres que o solo non volva ás mans da cidade.
O alcalde reclamou esta mañá a reversión á cidade dos terreos da vella estación de autobuses da Avenida de Madrid. A conselleira de Urbanismo, María Xosé Caride, enviou unha carta á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue na que lle recorda que, unha vez rematado o uso de estación de autobuses, o solo debería reverter no propietario, o Concello de Vigo.
Caballero lembrou que o Concello facilitou estas parcelas para albergar a estación de autobuses, un servizo trasladado agora ao entorno de Vialia. A vella estación de autobuses é nestes momentos un edificio abandonado pola Xunta, “cun uso indebido, con okupas, o que supón un perigo e un risco serio”. Neste contexto e mentres que non se tramita a devandita reversión, dixo, é preciso que a Xunta asuma o mantemento da zona para evitar que sega a ser un “foco de marxinalidade”.
O novo PXOM prevé a conversión deste espazo nunha zona verde buscando mellor accesibilidade e integración, unha determinación de usos acorde co proxecto de humanización da Avenida de Madrid que está a punto de comenzar.