O goberno municipal inviste máis dun millón de euros no novo ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o expediente de contratación das obras de construción do novo ascensor na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Marqués de Valterra e Torrecedeira. Para o alcalde, este acordo significa o avance na construción de “un corredor desde o mar ata practicamente a cúspide do Castro”. O proxecto, que se atopan dentro da iniciativa “Vigo Vertical”, conta cun investimento de 1.018.000 euros.
Abel Caballero explicou hoxe que o ascensor que construirá o Concello na rúa Juan Ramón Jiménez, dentro do proxecto “Vigo Vertical”, que mellorará a mobilidade entre Marqués de Valterra e Torrecedeira, será construído nun prazo de 8 meses desde o inicio das obras a principios do próximo verán.
O rexedor detallou que o elevador, que contrará cun exterior acristalado, servirá para salvar un desnivel de 11 metros. Ademais, na parte alta contará cunha pasarela de acceso para acceder á zona de Torrecedeira.
O proxecto aprobado este venres tamén contempla a humanización das beirarrúas, a renovación do pavimento, da rede de canalizacións de pluviais, rega, iluminación e de mobiliario urbano. A isto sumarase a plantación de novas árbores.
“Con esta actuación, avanzamos en completar un dos grandes corredores da cidade”, afirmou Caballero ao explicar que será posible desprazarse desde o Auditorio Mar de Vigo, a través do ascensor en funcionamento da rúa Instituto Oceanográfico ou a través do novo en Juan Ramón Jiménez, ata Torrecedeira. Indicou que, a partir de aí, están dispoñibles os elevadores de Torrecedeira a Pi y Margall e de Pi y Margall a Camelias co ascensor inclinado, que agora está en reparación. Lembrou que tamén se construirá un ascensor entre Camelias e Romil e que nestes momentos “ xa estamos a facer o ascensor entre Romil e Hispanidade”.