O Concello promove a saída ao mercado de vivendas en alugueiro
O alcalde informou este xoves da convocatoria de axudas para o acondicionamento de vivendas baleiras para alugueiro a prezo taxado, que conta cun orzamento de 300.000 euros.
“Poñemos en marcha un programa para facilitar a saída ao mercado de vivendas en alugueiro”, explicou Abel Caballero co que o goberno municipal quere contribuír a que os propietarios das vivendas “reciban una axuda” co fin de acometer os cambios necesarios para “poñer no mercado as súas vivendas baleiras. Será bo para os propietarios, que terán un ingreso, e para a xente que aluga que terá alugueiro a prezo taxado”, afirmou.
Segundo os datos do Concello, en Vigo hai nestes momentos unhas 12.800 vivendas baleiras, que poderían acollerse a esta convocatoria de axudas para seren acondicionadas e destinadas a alugueiro a prezo taxado. O programa abarca o período 2024-2025 e conta dun importe total de 300.000 euros, cun reparto de 150.000 euros para cada exercicio. As propiedades que xa realizasen obras ao longo de 2024 nas súas vivendas poderán acollerse tamén ao programa, xunto a aquelas que as acometan ao longo de 2025.
Tal e como explicou o alcalde, o programa permite a concesión de axudas de ata 8.000 euros para realizar as obras de acondicionamento precisas para que a vivenda saia ao mercado, para afrontar o custo dos seguros multirrisco para darlle seguridade aos propietarios no cobro e para o pagamento do cento por cento do certificado de eficiencia enerxética.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase despois da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.