A Cabalgata de Reis de Vigo contará con 10 carrozas
Ao longo do percorrido da Cabalgata, o goberno municipal repartirá 4.200 kg de caramelos sen glute. Esta fin de semana a cidade alcanzou unha ocupación hoteleira do 92%, converténdose “nun Nadal turístico excepcional”.
O alcalde de Vigo explicou que xa se adxudicou o servizo de deseño e produción das carrozas municipais para a Cabalgata de Reis de 2025, por un importe de 92.692 euros. Baixo o lema “Contos de Nadal”, a operativa da Cabalgata de Reis este ano contará con 10 carrozas, das que a metade son municipais, como indicou o rexedor, “a de Melchor, Gaspar, Baltasar, a Carteira Real e unha da Policía Local”.
O domingo 5 de xaneiro, Vigo contará, de novo, con dúas modalidades de cabalgata. A Avenida de Castelao acollerá, de 11 a 14:30 horas, a estática, na que traballarán 74 persoas dentro do dispositivo de seguridade. A cabalgata tradicional, en movemento, sairá ás 18 horas, cun percorrido de 2,5 km, partindo da Avenida de Castelao, e pasando por Praza América, Camelias e Álvaro Cunqueiro, ata chegar á Praza do Bicentenario. A Cabalgata contará coa participación de Discamino e 7 animacións.
Posteriormente, en torno ás 20:30 horas, terá lugar a recepción das Súas Maxestades na árbore xigante da Porta do Sol. Caballero tamén informou que ao longo do percorrido da Cabalgata repartiranse 4.200 kg de caramelos sen gluten.
Ocupación hoteleira
Durante a fin de semana a cidade alcanzou unha ocupación hoteleira do 92%, converténdose “nun Nadal turístico excepcional”, sinalou o rexedor, para destacar que “en poucos anos Vigo pasou a ser un destino referente”.