Escoitar

O Pleno pide ao presidente da Xunta que se posicione a favor do proxecto para mellorar a autovía A-52

A Corporación Municipal acordou hoxe, co voto a favor do grupo municipal socialista e a negativa dos edís do PP e do BNG, reclamar ao presidente da Xunta que se posicione publicamente a favor do proxecto deseñado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para o tramo de 10,5 quilómetros entre Vigo e O Porriño da autovía A-52, que contempla a construción dun túnel cunha lonxitude de catro quilómetros e un investimento de 389,5 millóns de euros.

luns, 30 dec 2024

O Pleno de Vigo aprobou este luns a moción do grupo municipal socialista tanto para instar o presidente da administración galega a situarse a favor do proxecto de reforma da autovía A-52 entre Vigo e O Porriño, “recoñecendo o compromiso do goberno de Pedro Sánchez, con Vigo e con Galicia”, como para esixir a Alfonso Rueda e ao expresidente Alberto Núñez Feijóo que “pidan perdón” á cidade por rexeitar o proxecto do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, reprochou o voto en contra dos edís do PP e do BNG. “Trátase de posicionarse a favor dunha obra de 400 millóns” que responde a unha “demanda histórica” do goberno de Vigo de contar cunha comunicación directa con Porriño, que foi aceptada en 2022 pola ministra de Transportes, Raquel Sánchez, ante a que o expresidente Alberto Núñez Feijóo respondeu propoñendo como alternativa a gratuidade do tramo de peaxe da AP-9, asegurou.

Porto Nodal

O Pleno aprobou, por unamidade, a moción do grupo municipal do PP para pedir ao Goberno que intensifique as accións ante a Unión Europea para reclamar a inclusión na Rede Transeuropea de Transportes a Vigo como porto nodal e para que revise a decisión baseándose na importancia estratéxica, económica e loxística da dársena.

A concelleira Elena Espinosa, tras lembrar que durante a presidencia do Goberno do PP Vigo quedou fóra do recoñecemento como porto nodal, explicou que o voto a favor do grupo municipal socialista xustifícase no recoñecemento como nodal “dá máis visibilidade ao porto, facilita o acceso a fondos europeos e polo fortalecemento da cadea de subministracións e pola xeración de emprego”. Recalcou que o porto, grazas ás medidas do goberno, pode acceder á maioría das axudas europeas.

Desculpas da alcaldesa de Mos

A Corporación tamén aprobou no Pleno de hoxe a moción presentada polo grupo municipal socialista para pedir ao PP de Vigo que traslade as súas desculpas á cidade por non reprochar nin rebater a afirmación de Nidia Arévalo, realizada ante os populares de toda España, sobre que “Vigo é a cidade dormitorio de Mos”. Tamén reclama á alcaldesa mosense que rectifique e se desculpe ante a cidadanía viguesa “polas súas declaracións despectivas” sobre a urbe.

Descargar todas as imaxes