Escoitar

Caballero fai balance do 2024 e felicita ao conxunto da cidade "polo mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde resumiu a actuación do seu goberno no ano 2024 e felicitou ao conxunto da cidade polo avance na economía, o emprego, a política social, mellores infraestruturas e a evolución das grandes obras da cidade: o AVE Vigo – Ourense por Cerdedo, o AVE Vigo – Porto 2030 e a autovía en túnel a O Porriño. “E todo con débeda cero e a presión fiscal máis baixa das cidades de Galicia”.

sábado, 28 dec 2024

Para o alcalde “o ano 2024 é sen dúbida o mellor ano na historia desta cidade”. Abel Caballero fixo balance da acción política do goberno que encabeza e explicou o avance de Vigo na economía, o emprego, a política social e as infraestruturas, entre outros temas, “mérito de toda a cidade”, agradeceu na súa intervención.

En canto as inversións, comezou coa grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, obra que comezará en xaneiro unha vez rematada toda a tramitación administrativa. Tamén lembrou que no mes de marzo comezará a remodelación da Avenida de Madrid. Outras tramitacións que avanzan son a do túnel de Elduayen, “que a Xunta xa ten o proxecto para o visto bo”, e o túnel de Beiramar. Caballero tamén destacou o proxecto das ramplas mecánicas desde Praza América a Praza España, un proxecto para a mellora da mobilidade peonil e sostible. Tamén no Vigo Vertical aprobouse a licitación das ramplas mecánicas no Paseo Granada, 3,3 millóns para unir o centro coa praza do Bicentenario. En 2024 Vigo estreou o ascensor HALO e a continuidade do corredor mecánico a través da rúa Escultor Gregorio Fernández, as ramplas do centro de saúde de Lavadores, e o ascensor e rampla entre Travesía e Aragón. Outro proxecto que avanzou este ano foi a piscina de Teis, cun investimento de 7 millóns de euros. O alcalde tamén numerou as ducias de rúas que están a piques de comezar a obra ou que xa están inauguradas para o goce da cidadanía.

Outro dos fitos relevantes este 2024 foi a potabilizadora de Vigo, cun investimento de case 25 millóns de euros. “En Vigo sae auga mineral da billa”, expresou o rexedor. Neste ámbito, lamentou que a obra fose pagada integramente por Vigo e sen a participación da Xunta de Galicia, cando a potabilizadora dá tamén servizo a outros municipios da bisbarra.

Caballero defendeu nas súas declaracións as grandes infraestruturas que Vigo precisa e que avanzaron no ano 2024: o AVE Vigo – Madrid directo por Cerdedo; o AVE Vigo – Porto no ano 2030; e a autovía en túnel de Vigo a O Porriño.

Vivenda protexida e libre de especulación

O alcalde avanzou que o 2025 será o ano do Plan Xeral de Ordenación Municipal, “o PXOM da vivenda libre de especulación e con algún tipo de protección”, así lembrou distintas accións neste eido como o comezo das obras no Barrio do Cura, o acordo co SEPES para a urbanización e construción de 250 vivendas a prezo taxado en Santa Cristina, 50 vivendas públicas en Barreiro, 27 apartamentos para alugueiro protexido en Esturáns, 43 novos fogares en Montana (Alcabre), o investimento de 6,4 millóns de euros de fondos europeos para a rehabilitación e eficiencia enerxética en vivendas así máis axudas para as contornas de Casco Vello, Bouzas, Coia, Santa Clara, Beiramar, Espiñeiro-Teis, San Pablo, San Roque, Fenosa, A Salgueira, O Gorxal, Alcalde Lavadores – Canicouva – Escolas Públicas. Amais, aprobouse a reparcelación do Polígono 1 de Navia que leva consigo nova vivenda pública.

En política social o Concello volveu aboar as becas de comedor, “cando é competencia da Xunta de Galicia pero é Vigo quen paga case 2,4 millóns de euros”. Máis 7.000 persoas maiores participaron nas actividades de envellecemento activo. Caballero tamén puxo de manifesto que o novo programa Bailes en Vigo está a ser un éxito con máis de 1.000 asistentes. O Concello da servizo a 1.300 usuarios do Servizo de Axuda no Fogar e 780 persoas para a teleasistencia “totalmente gratuita”. O alcalde lembrou que Vigo é a única cidade de Galicia que ten un albergue municipal para persoas sen teito e que dedica cada ano 1,2 millóns de euros ao seu mantemento.

Vigo en inglés, a xoia da coroa

O alcalde cualifica así ao programa municipal no que este ano 1.027 mozos e mozas de Vigo viaxaron becados polo Concello a Reino Unido e Irlanda para aprender inglés cun importe de 3,3 millóns de euros. Tamén o Concello da becas para o alumnado da Escola Oficial de Idiomas e poder estudar o seu idioma nos países de orixe. “E o PP e o BNG en contra dos orzamentos, e se fóra polo BNG non habería becas de inglés para viaxar ao estranxeiro”, lamentou o rexedor.

Tamén en materia educativa o Concello conta con case 600 prazas en escolas municipais infantís “totalmente gratuítas, incluído o servizo de comedor”. As 5 escolas municipais de ensinanzas non regradas contan con 1.600 alumnos e alumnas, “practicamente de balde pola subvención do Concello”.

Caballero tamén puxo de manifesto as 4.000 prazas en campamentos de verán, os 1.900 participantes nas actividades de Vigosónico e as 5 ludotecas que deron servizo a más de 1.100 nenos e nenas durante o ano 2024.

La Selección Española Absoluta de Baloncesto Feminino xogou en Vigo

Vigo foi a cancha na que se concentrou a Selección Española Absoluta de Baloncesto Feminino para os Xogos Olímpicos de París 2024. O goberno local apoiou durante o ano pasado a 250 entidades deportivas e 250 eventos relacionados co deporte. Tamén o Concello desenvolveu a Semana Europea do Deporte en colaboración co Consello Superior de Deportes do Goberno de España. Caballero tamén puxo de releve o apoio ao deporte base, con 5.200 chicos e chicas que participaron nas Escolas Deportivas con 36 deportes diferentes. O Concello investiu en melloras nas instalacións deportivas, como no campo de fútbol de As Travesas, distintos pavillóns ou a climatización das piscinas municipais.

Outros dos éxitos foi a celebración de o festival O Marisquiño ao que o goberno local financia con 1,3 millóns de euros e que se desenvolve entre a praia de Samil e o centro da cidade.

756 novos empregos cos plans municipais

Abel Caballero cifrou en 756 empregos os creados no ano 2024 a través dos plans municipais. “Damos formación para persoas que precisan aprender un oficio”.

O Concello outorga axudas a pemes para a contratación indefinida, aporta 1.235.000 euros para a contratación de traballadores en entidades sen ánimo de lucro, presta servizo de asesoramento a novos emprenderemos co programa VigoEmprende “e xeramos emprego a través da obra pública, o efecto multiplicador do keynesianismo”, amais do emprego que xera o Nadal e os PERTE no sector industrial.

En materia cultural o goberno local elaborou un plan de museos que se desenvolverá ao longo dos próximos anos, comezando cos novos horarios de máis apertura da rede municipal. Tamén coa reconfiguración dos depósitos de arqueoloxía, trasladados ao Verbum para a súa mellor conservación e catalogación. O Vigo Cultura bateu récords de asistencia, con cheos en case todos os espectáculos programados. Caballero lembrou que o goberno local tamén financia parte da programación do Auditorio Mar de Vigo. Caballero lamentou que a Xunta de Galicia financie as orquestras sinfónicas de A Coruña e Santiago e non en Vigo, onde a 430 e a Clásica de Vigo contan con financiamento municipal. O alcalde quixo lembrar o Festival de Arquitectura Urbana TAC!, que reuniu a milleiros de persoas en centos de actividades na Porta do Sol coa gran batea como obra arquitectónica efémera.

Nadal e Cíes Xeoparque Mundial da UNESCO

“Temos o proxecto emerxente de turismo máis importante do mundo”, afirmou Caballero para referirse ao Nadal. “O Nadal puxo Vigo no mundo. Pasamos de non ter turismo a ser unha gran cidade turística. Pasamos do Vigo en branco e negro ao Vigo en color que toda España recoñece”. Así, incidiu na publicidade gratuíta que se está a desenvolver en cidades como Nova York, Londres, París ou Roma coa imaxe de Vigo.

O goberno local tamén lanzou a candidatura de Illas Cíes a Xeoparque Mundial da UNESCO. No mundo do cine, Vigo converteuse nun escenario de rodaxe para películas e series de grandes plataformas así como spots publicitarios, como por exemplo a Lotería de Nadal.

O paseo do Lagares conseguíu a súa bandeira azul

O paseo do Lagares foi galardoado co distintivo medioambiental bandeira azul. O Concello está a facer este sendeiro en todo o percorrido do río, cun gran avance neste 2024. Así, son xa 5 os camiños e rutas que ten o Concello de Vigo con este recoñecemento. As praias de Vigo sumas 12 bandeiras azuis, converténdoa na cidade con máis distintivos de España.

Caballero destacou o cambio “moi importante” en materia medioambiental, “a transformación dun zoolóxico nunha escola da natureza”. Tamén puxo de manifesto a protección e o agarimo que se pon desde o goberno local aos animais co novo centro que multiplicou por seis o seu orzamento. Cómpre destacar tamén a campaña xeitosa de adopción que se puxo en marcha e coa que xa moitos cans atoparon un fogar.

O alcalde tamén deu conta da construción ou licitación de novos espazos verdes e parques, como o de Camilo José Cela, Navia, Finca Matías, parque infantil na rúa Portela, proxecto de parque biosaudable en Aragón e tramitación en Castro Castriño, execución en Suso Vaamonde e acondicionamento do parque infantil do museo Liste.

Cidade limpa

Vigo recibiu a 9 vasoira de platino, sendo así recoñecida como a cidade máis limpa de España. “Cando as persoas de Vigo viaxan e volven a Vigo se dan conta de que a limpeza da cidade é extraordinaria”. Así, o servizo de limpeza renovou os seus equipamentos por valor de 8 millóns de euros. Tamén está a mudar os contedores vellos polo novos e instaláronse contedores marróns para a reciclaxe dos residuos orgánicos.

Cidade segura e administración pública

O Corpo de Bombeiros de Vigo terá un novo parque en Esturáns, coas obras xa a piques de rematar. Caballero explicou que Vigo lidera o proxecto para a implantación do vehículo conectado en Europa (IN2CCAM) e que este ano implantáronse 11 corredores de emerxencias a través da rede semafórica para vehículos de seguridade e emerxencias municipais.

En canto ao servizo á cidadanía desde a administración, Caballero deu conta de que as ofertas de emprego público de estabilización e do 2020, 2021 e 2022 están en execución polo que 300 persoas tomarán posesión no primeiro semestre do ano. Amais, recentemente o goberno local aprobou a OPE do ano 2024 con 73 prazas.

Europa con Vigo

Sobre os fondos europeos, Caballero expuxo a recepción a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Para obras como o HALO, o Pazo da Raposeira ou os novos contedores marróns, así como moitos dos novos elementos do Vigo Vertical. Tamén recalcou a importancia dos PERTE para Stellantis, a industria da automoción, o sector naval, a nova fábrica de microchips que albergará Vigo e o kit dixital ao que xa se adheriron máis de 1.000 pemes. Tamén a moi alta tensión para a fábrica de Stellantis e o conxunto da industria, tema negociado polo rexedor co Estado e que conta cun orzamento de 72 millóns de euros.

“Que o 2025 sexa aínda mellor”

Caballero concluíu coa satisfacción de ter feito “todo isto con débeda cero, a presión fiscal máis baixa das cidades de Galicia, co pago a provedores de 8 días e 18 orzamentos aprobados en tempo e forma”.

O alcalde define Vigo como “a cidade da unidade” porque “cando falamos de Vigo todos estamos unidos”.

“O 2024 foi o mellor ano da historia de cidade e desexo que 2025 sexa aínda mellor”.

Descargar todas as imaxes