A Xunta de Goberno propón a actualización das tarifas de transporte urbano en 2025
A proposta das novas tarifas do transporte urbano de Vigo para o ano 2025, que recibiu luz verde na sesión celebrada este venres, debe ser aprobada pola Comisión de Prezos da Xunta de Galicia.
Tal e como explicou o alcalde, o goberno municipal en aplicación do contrato do transporte en vigor actualizará o prezo do billete do transporte urbano para este 2025, que se utiliza de forma maioritaria coa tarxeta PassVigo. Para as persoas usuarias da tarxeta, o billete custará 0,56 céntimos polo que a suba do prezo será de 3 céntimos, sendo a subvención de 1,07 euros.
En canto aos pensionistas I e II e ás persoas con mobilidade reducida que usen cadeira de rodas e os seus acompañantes “seguirán tendo gratuidade total no prezo do billete. Non se lles incrementa o prezo”, sinalou Caballero. O billete universitario coa PassVigo custará 0,42 céntimos, xa que conta cunha subvención de 1,21 euros, e o billete de estudante coa PassVigo custará 0,54€, cunha subvención de 1,09 céntimos.
As persoas que utilicen o billete ordinario do transporte urbano, sen a PassVigo, deberán aboar 1,63 euros, 6 céntimos máis que a tarifa en vigor. A proposta da empresa era subir ata 1,66 pero o goberno municipal estima que a suba debe ser de 6 céntimos, quedando en 1,63, como explicou o rexedor.
O alcalde puxo en valor o “nivel de descontos importantísimo” das tarifas do transporte urbano de Vigo; “seguramente somos o Concello con máis descontos no billete de autobús que hai en España”.