Escoitar

Abel Caballero comunica que o IFEVI acollerá durante todo o domingo a Cabalgata estática dos Reis Magos

O Instituto Feiral de Vigo acollerá o domingo a Cabalgata estática dos Reis Magos para garantir a participación da cidadanía ante as adversas previsións meteorolóxicas. O rexedor indicou que o recinto permanecerá aberto desde as once da mañá ata as dúas da tarde, para reiniciar as visitas ás cinco e rematar ás oito da tarde. A entrega das chaves da cidade ás Súas Maxestades, para que poidan entrar nas casas de todos os nenos de Vigo, terá lugar ás sete da tarde.

venres, 3 xan 2025

O alcalde avanzou que a Cabalgata dos Reis Magos celebrarase este domingo nos pavillóns un e dous de IFEVI, ampliable ao catro, coa finalidade de que os nenos poidan contemplar todas as carrozas de Melchor, Gaspar, Baltasar, a Carteira Real e as animacións. Caballero visitou este venres no recinto os traballos de elaboración das carrozas, que xa ultiman os detalles para a súa cita coas nenas e nenos.

O acceso ás instalacións terá lugar a través do pavillón número tres, para saír pola entrada principal, segundo indicou Abel Caballero. Este sábado o Concello ofrecerá máis información sobre o operativo de acceso, así como do transporte urbano para facilitar os traslados da cidadanía.

O rexedor destacou a capacidade de Vigo para afrontar o problema do mal tempo, ao contar co IFEVI, e para garantir que os nenos poidan contemplar ás súas maxestades os Reis Magos e ver as 10 carrozas. “Permítenos ter toda a cabalgata na súa totalidade estando fixa no IFEVI”, indicou. O rexedor pide a cooperación das familias e aconsella elixir un horario de visita, sen concentrar o desprazamento entre as sete e as oito da tarde, coa finalidade de evitar as colas e aglomeracións.

“Estamos preparados para que, no caso de que haxa colas, todo o mundo estea a cuberto”, garantizou Abel Caballero.

Descargar todas as imaxes