Escoitar

O alcalde anima a asistir o sábado 11 de xaneiro á Gala Lírica 2025 no Teatro García Barbón

Abel Caballero animou hoxe a presenciar a Gala Lírica 2025 organizada polo Concello de Vigo en colaboración co Centro Veciñal e Cultural de Valladares e coa Unión Musical de Valladares, programada para este sábado 11 de xaneiro no Teatro García Barbón. O programa inclúe a interpretación de once pezas de ópera clásica, zarzuela, cinema e de coñecidas cancións de pop contemporáneo.

xoves, 9 xan 2025

O alcalde destacou este xoves a participación na Gala Lírica de 2025 da Coral Polifónica do C.V.C de Valladares e do Grupo de Cámara da Unión Musical de Valladares, así como das sopranos Indra Sesti Di Lucca e de Teresa Iglesias Ramilo, ademais da dirección de Xavier Comesanha Pereira e da interpretación ao piano de Alejo Amoedo.

O rexedor, tras lembrar que o concerto é de entrada gratuíta ata completar aforo, afirmou que a gala se converteu nunha cita cultural "da maior relevancia" en Vigo.

Antonio Costas, presidente da Unión Cultural de Valladares, incidiu en que se trata da décimo sétima gala dunha iniciativa que conta con 30 anos de historia impulsada por Francisco Rey Rivero, e que coincide coa celebración do 50 aniversario da Coral Polifónica. Destacou o atractivo do programa por incluír pezas de estilos musicais moi variados. Caballero trasladou aos organizadores que o Concello "repetirá" a gala en próximos anos.

Descargar todas as imaxes