Caballero anima a participar o 3 de decembro no acto do Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Abel Caballero destacou este xoves o significado dos paraugas de cores "como berro colectivo para estar ao carón das persoas con discapacidade, reivindicando dereitos" e como elemento para acentuar o significado da celebración, o 3 de decembro na Praza da Estela, do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Os organizadores da novena edición da iniciativa “Baixo o Mesmo Paraugas”, que reúne a preto de 100 entidades sociais de toda Galicia para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, fan un chamamento á cidadanía de Vigo a participar cos seus paraugas de cores, e customizados, no acto organizado o vindeiro 3 de decembro na Praza da Estrela, que pechará coa actuación do cantante galego Magín Blanco.
O alcalde destacou hoxe, ante unha representación das entidades convocantes, “que a importancia está nos dereitos, porque se constrúe unha sociedade con dereitos, os das persoas con discapacidade”.
Dada a transcendencia do acto, Caballero, ademais de reiterar o apoio do Concello, fai un chamamento á cidadanía a participar. "É a sensibilidade de unirnos", defendeu.
A concelleira de Política Social, Yolanda Aguilar, destacou que os paraugas empregados na campaña simbolizan “os paraugas da inclusión, da diversidade e que o abraza todo”.
Gustavo Campos, en representación dos usuarios das diferentes entidades, chamou a participar na celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que reunirá a membros das 17 entidades da área metropolitana. Explicou que empregarán os paraugas para representar “a unión e a forza do movemento para dar voz ás demandas das persoas con discapacidade” e para visibilizar que “somos persoas con plenos dereitos, que a nosa opinión conta e que queremos ser os protagonistas da nosa vida".