Escoitar

Abel Caballero: “mañá comeza o Nadal no mundo”

Este sábado ás 20 horas da tarde, a Porta do Sol, convertida nun “gran bosque de Nadal”, será o escenario do acendido da iluminación da cidade que poderá seguirse en directo a través da web municipal. O alcalde celebra que o Nadal estea presente en soportes publicitarios de Nova York, París, Roma ou Londres: "Vigo xa ocupa un lugar excepcional no mundo".

venres, 15 nov 2024
Imaxe do Nadal 2023-2024
Imaxe do Nadal 2023-2024

Vigo acende este sábado a iluminación da cidade, un acto co que para o alcalde “empeza o Nadal no mundo”. O lugar do acendido, a Porta do Sol é un “gran bosque de Nadal” coa árbore xigante “con máis altura ca nunca” e 8 árbores de entre 6 e 8 metros de altura que teñen “follas douradas acompañando á arbore tradicional”.

“Arranca o Nadal en Vigo e quero que a cidade goce del porque Vigo está a converterse nunha cidade exemplar e todo o mundo quere ser Vigo”, apunta Caballero.

O acto poderá seguirse en directo a través da web do Concello e quen estea na cidade poderá velo a través de dúas pantallas que quedarán instaladas no Farol de Urzaiz e en Policarpo Sanz.

A partir deste sábado a iluminación da cidade acenderase cada día ás 18:00 horas da tarde e apagaranse ás 00:00 horas entre semana (de domingo a mércores), antes ca outros anos porque “seguimos no proceso simbólico de aforro de enerxía”, explicou Caballero. A hora de apagado de xoves a sábado, vésperas de festivos e festivos será as 2 da madrugada. Mentres as noites do 23, 24, 25, 30, 31 de decembro e as noites do 1, 5 e 6 de xaneiro as luces permanecerán acesas ata máis tarde.

Vigo, protagonista publicitario

O alcalde referiuse este venres ao protagonismo que ten adquirido Vigo en diversas campañas publicitarias: “o impacto do que sucede na cidade convértenos nun estudio de gravación e neste momento hai un número importantísimo de empresas que fan a súa campaña de Nadal aquí ou usando o nome da cidade”. Citou exemplos como o do anuncio da Lotería de Nadal, que se rodou en Vigo, o anuncio dunha grande empresa de seguros gravado tamén na urbe, unha empresa de electricidade, un gran banco ou un xigante de mobles que “usa o nome da cidade nas vendas da súa decoración de Nadal”.

Para Caballero “isto é Vigo; isto é o que está sucedendo. De repente Vigo é o nome amable de cidade que todo o mundo quere ter na súa promoción”.

Nese sentido, lembrou a presenza do Nadal nun “número elevadísimo de mupis publicitarios en New York”, por exemplo o do Lincoln Center e o da 5ª Avenida, “que están tendo repercusión social”. A campaña exhíbese tamén en 15 rúas de París, en Roma, en Londres, ou no norte de Portugal con 142 mupis así como en 25 cidades españolas: Madrid, Barcelona, Bilbao, Málaga, Sevilla, Oviedo ... “e sen custar un céntimo a esta cidade”. Vigo xa ocupa un lugar excepcional no mundo”.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes