O Concello rehabilitará a fachada do edificio municipal para mellorar a súa eficiencia enerxética
O alcalde anunciou o acordo adoptado hoxe na Xunta de Goberno para redactar o proxecto de execución das obras rehabilitación de toda a envolvente do edificio do Concello de Vigo. “É sobradamente coñecido na cidade que ten unha pésima construción e que está cheo de problemas”, explicou Abel Caballero.

O rexedor detallou este venres que o Concello realizará as “obras necesarias” para mellorar a eficiencia enerxética, así como o illamento térmico e para “evitar que chova” dentro do edificio municipal. O obxectivo é que as dependencias municipais “estean nas condicións de uso, habitabilidade e traballo minimamente esixibles”.
Caballero indicou que o proxecto de execución de obras de rehabilitación da fachada ten un custo de 174.000 euros e que o importe estimado da obra ascende a 8 millóns de euros. O proxecto determinará o custo da obra de impermeabilización e do asilamiento térmico porque non inclúe a adaptación interior do edificio, explicou o alcalde, defendendo que "haberá menos malgasto enerxético polas condicións dos muros”.
As obras na envolvente conlevarán un aforro enerxético do 30% dentro dun proxecto que ten por obxectivo conseguir un balance enerxético cero ademais da redución de emisións de CO2.