Binter denomina "Vigo" a unha das súas novas aeronaves de conexión con Canarias
Abel Caballero trasladou este venres aos directivos da compañía aérea Binter o seu recoñecemento polos voos que conectan a cidade con Canarias e por poñer o nome de Vigo a unha das seis novas aeronaves Embraer E195-E2 coas que ampliou a súa frota.
O alcalde, ademais de poñer hoxe en valor a ponte aérea aberta entre Vigo, Tenerife e Gran Canaria, afirmou que a compañía Binter “xoga un papel importante” na cohesión territorial. Caballero indicou aos directivos da empresa que “seguiremos traballando xuntos para que cada vez máis persoas desde Vigo e Canarias se entrelacen a través de Binter”. Caballero compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto aos directivos da compañía Miguel Ángel Suárez e Olga Castrillón.
A aerolínea canaria Binter puxo o nome Vigo ao primeiro dos seis novos avións Embraer E195-E2 que se acaba de incorporar á súa frota. Este novo avión reforza a aposta da aerolínea pola conectividade con Vigo, un dos dous primeiros destinos aos que comezou a voar Binter o ano que empezou a realizar roteiros nacionais fose de Canarias. Tal e como indicou Miguel Ángel Suárez en rolda de prensa, Vigo é o único aeroporto nacional fóra de Canarias ao que Binter ofrece voos diarios.
As conexións entre Vigo e Canarias son operados de maneira regular os martes, mércores, venres e domingos con Gran Canaria e os luns, xoves e sábados co aeroporto de Tenerife Norte. O E195-E2 é a aeronave máis grande e moderna da familia de reactores comerciais bimotores de medio alcance E-Jet E2, e encargáronse coa mesma configuración especial de 132 asentos, en clase única, o que permite unha cómoda distancia entre as filas de 79 centímetros.