Escoitar

O Pleno aproba inicialmente o Orzamento Municipal con 47,9 millóns en investimento para 2025

O Pleno da Corporación de Vigo acordou este xoves a aprobación inicial dos orzamentos de 2025 co visto e praxe do Grupo Municipal Socialista e coa oposición dos edís do PP e do BNG. Con 334.615.975,51 millóns de euros, as contas aprobadas son as máis altas da historia da cidade, xa que ademais de aumentar en 18 millóns con respecto ás actuais, prevé investimentos por 47,9 millóns de euros. O alcalde recalcou que o 18 orzamento consecutivo aprobado en Vigo conta “coa presión fiscal máis baixa de Galicia e das máis baixas de España”.

xoves, 14 nov 2024

Abel Caballero asegurou no Pleno de aprobación inicial dos Orzamentos Municipais de 2025 que Vigo manterá a presión fiscal máis baixa das cidades de Galicia. Apuntou que os 535 euros da media impositiva da cidade contrastan cos 564 euros que se desembolsan en Pontevedra; os 664 de Ourense; os 712 da Coruña; os 715 de Lugo; os 756 de Santiago de Compostela e os 728 de Ferrol.

O alcalde censurou as emendas presentadas polos edís do PP e do BNG incidindo en que o 18 Orzamento Municipal aprobado consecutivamente mantén a débeda cero, “fronte aos 65 millóns que había cando eu cheguei”, e que Vigo segue liderando o pago a provedores, cunha media de 8 días. "En Pontevedra as empresas provedoras do Concello de Pontevedra tardan en cobrar 30 días, 109 en Santiago", expuxo.

O rexedor remarcou a aposta do goberno en política social, cun investimento de 25 millóns de euros, como se constata en ser o único concello de Galicia que conta cun albergue municipal e que destina máis de 1,4 millóns de euros a axudas de emerxencia social. Así, anticipou que o Concello volverá demandar á Xunta que asuma os 600.000 euros que destina a CEDRO.

O investimento en políticas de emprego ascenderá en 2025 a 5,2 millóns de euros, segundo apuntou o alcalde ao poñer en valor os 1.490.000 euros destinados ao Plan de Creación de Emprego, ademais dos 1.210.000 euros do programa de inserción laboral ou os 147.000 euros para a iniciativa “Vigo Emprende”. A isto sumou a creación de emprego que xera a obra pública que se executa na cidade, a potenciación do sector servizos que representa o Nadal e os PERTE para a automoción, o Naval e a fábrica de chips fotónicos que se establecerá na cidade.

O rexedor destacou a aposta pola vivenda pública xa que o novo Plan Xeral Municipal inclúe 45.000 vivendas libres de especulación, das que 15.00 estarán sometidas a algún réxime de protección, e que as novas promocións que se construirán teñen que reservar un 30 por cento para pisos protexidos. A estas previsións súmase a construción directa e inmediata de 250 vivendas protexidas en Santa Cristina de Lavadores e doutras 50 en Barreiro e Esturáns.

Caballero expresou o “orgullo” do seu goberno por destinar 1,5 millóns á loita contra a violencia machista e fomento da igualdade, á vez que lembrou que Vigo é a única cidade de Galicia que conta cunha Casa de Acollida para as vítimas de violencia de xénero.

O alcalde debullou as iniciativas desenvolvidas polo seu goberno en Cultura e Educación, que en 2025 contarán cun investimento de 18,5 e 18,1 millóns respectivamente, poñendo en valor as becas de inglés, a mellora de infraestruturas, ademais das nove escolas infantís financiadas integramente polo Concello.

A aposta polo deporte, que o ano que vén contará con 18,9 millóns de euros, queda en evidencia tanto na reforma do Estadio de Balaídos, como nas melloras en todos os campos de fútbol e nos pavillóns, segundo sinalou Caballero.

En materia de xuventude, o alcalde incidiu en que Vigo é a única cidade española que concede becas de inglés coas que só en 2024 máis de 1.100 estudantes melloran o seu coñecemento do idioma.

O alcalde lembrou que a Xunta mantén a “competencia deseal a Vigo” financiando roteiros aéreos desde Santiago mentres a destina 0 euros á cidade con maior poboación de Galicia. Con 3,5 millóns de euros no novo orzamento, o Concello conseguiu nos últimos anos desestacionalizar as visitas á cidade e crear a marca Vigo, lembrou.

Atención a toda a cidade

O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, afirmou que os novos orzamentos, atende a todos os barrios e parroquias, ademais das ncesidades de todos os sectores económicos, sociais, educativos, deportivos e culturais. Para Aneiros, as emendas do PP e do BNG son "márketing" e están "desequilibradas".

Descargar todas as imaxes