O Concello dedica 100.000 euros ao fomento da participación cidadá
O goberno local outorgará 100.000 euros en achegas para a organización de actos sociais e encontros veciñais. Tal e como explicou Caballero, financiaranse cuestións como a instalación de carpas ou iniciativas como competicións ou xogos populares.
O BOE publicou hoxe a convocatoria municipal e as bases das subvencións para a organización de actos sociais e encontros veciñais co obxectivo de fomentar a participación cidadá. Cun importe de 100.000 euros, establécense catro tipos de axudas: financiamento de montaxe de carpas e instalacións cubertas; deseño e impresión de publicacións; organización de competicións e xogos populares ou organización de actos sociais de promoción de valores.
Axudas de emerxencia
A comisión de valoración adxudicou onte 67 novas achegas de emerxencia por importe de 22.500 euros. Vintecinco destas axudas foron para alimentación, un valor de máis de 8.000 euros e outras tantas foron para vivenda, con máis de 11.000 euros. A vivenda, segundo explicou o rexedor, supón o “grueso” destes apoios económicos xa que se entrega unha media de 20 ou 30 á semana.
Caballero explicou que no que vai de ano xa se entregaron 3.845 achegas por importe de 1.280.460 euros, apoios económicos compatibles co Ingreso Mínimo Vital. O orzamento de Benestar Social ascende a case 24 millóns en 2025.